O Santiago(é)tapas únese á moda do brunch: premiará a proposta máis doce

No Nadal promóvese unha campaña para informar do cambio de datas do concurso que será do 15 de febreiro ao 3 de marzo

Flavia Ramil, Miriam Louzao e Sara Santos na presentación da campaña de divulgación do Santiago (é) tapas.

Flavia Ramil, Miriam Louzao e Sara Santos na presentación da campaña de divulgación do Santiago (é) tapas. / Cedida

A décimo quinta edición do certame gastronómico Santiago(é)tapas, que se traslada do mes de novembro a febreiro como oportunidade para aumentar a actividade da hostalaría nun periodo de pouca demanda, manterá as rutas habituais e creará como novidade a categoría de tapas doces. Deste xeito poñerase en valor o incremento de locais hostaleiros da cidade que centran a súa oferta nos almorzos, brunch e merendas.

O concurso celebrarase do 15 de febreiro ao 3 de marzo do vindeiro ano e para anunciar o cambio de datas desenvolverase unha campaña de comunicación para animar aos establecementos a inscribirse no concurso e ao mesmo tempo informar á veciñanza de Compostela, “quen este ano xa se preguntaba cando sería o Santiago(é)tapas”. Así o manifestou a concelleira de Turismo, Míriam Louzao, durante unha rolda de prensa celebrada onte no Pazo de Raxoi, na que estivo acompañada da presidenta da Asociación Hostelería Compostela, Sara Santos, e a xerente de Turismo de Santiago, Flavia Ramil.

En palabras de Louzao: “O concurso xa cumpriu o obxectivo de potenciar a desestacionalización en novembro”, e agora as novas datas son valoradas “positivamente” por parte dos establecementos.

Baixo o lema As Tapas son a Estrela e durante o periodo de Nadal levaranse a cabo varias accións. Flavia Ramil informou dunha campaña publicitaria en medios locais, a distribución de 50.000 manteis entre os locais para as comidas e ceas destas datas, a instalación dunha traseira nun autobús e a distribución de carteis por distintos puntos do Concello. A maiores, Ramil lembrou que o prazo de inscrición remata o 10 de xaneiro. As inscricións poden facerse na sede de Hostelería Compostela ou mesmo na páxina web de Santiago(é)tapas. 

A xerente de Turismo de Santiago declarou na súa intervención que un ano máis o obxectivo do concurso é lograr “o posicionamento da cidade como destino gastronómico ao longo de todo o ano e a consolidación da cidade como punto de referencia da cultura gastronómica galega”.

En referencia á dinámica do certame, Sara Santos detallou que non sufrirá cambios con respecto a anos anteriores. Haberá varios roteiros e premios á mellor tapa creativa, tradicional, maridada con viño e con cervexa e a mellor tapa sen gluten, ademais do premio á máis doce. Un ano máis manteranse os xurados profesional e de público.

Santos tamén adiantou que haberá numerosos agasallos para todas aquelas persoas que completen as etapas. Ceas experiencias, produtos gourmet, espectáculos e festivais de música ou entradas a museos serán algúns deles.

A recente nomeada presidenta da Asociación Hostelería Compostela concluiu a súa intervención agradecendo “a boa disposición de Turismo de Santiago e Deputación da Coruña”, así como dos múltiples patrocionadores do evento, desexando que santiagueses e turistas poidan disfrutar dunha nova edición de Santiago(é)tapas.