O Concello de Santiago presenta o borrador dos orzamentos: 141 millóns de euros “cun marcado carácter social”

O Goberno local asegura que xa comezou conversas cos edís socialistas no Concello

Respecto do Partido Popular, Goretti Sanmartín afirma que “xa dixeron que non valen, entendemos que se situaron á marxe”

O concelleiro de Economía e Facenda, Manuel César; a alcaldesa, Goretti Sanmartín, e a voceira de CA, María Rozas, en Raxoi

O concelleiro de Economía e Facenda, Manuel César; a alcaldesa, Goretti Sanmartín, e a voceira de CA, María Rozas, en Raxoi / CONCELLO

O Goberno municipal presentou na mañá de onte o borrador dos orzamentos para 2024, un proxecto que suma 141 millóns de euros co propósito, en palabras da alcaldesa, Goretti Sanmartín, “de iniciar un modelo de Concello transformador coas persoas no centro”. Na presentación do borrador no Pazo de Raxoi, Sanmartín estivo acompañada pola primeira tenente de alcaldesa, María Rozas (CA), e polo concelleiro de Economía e Facenda, Manuel César (BNG).

Tanto a alcaldesa coma a concelleira de Promoción económica destacaron que houbo un “entendemento total entre CA e BNG en canto aos orzamentos”, que son “do Goberno local”, resaltou Sanmartín, que tamén recalcou que “demorou máis do que nos gustaría pero confiamos na responsabilidade dos grupos da oposición para darlle adiante, e en especial no Grupo socialista”, co que xa se iniciaron as negociacións. Non ocorre o mesmo co Partido Popular, a preguntas da prensa, Sanmartín explicou que “antes de chamalos para informar xa dixeron que os orzamentos non valen para nada”, e lembrou, “non estamos para perder o tempo, entendemos que xa se situaron á marxe”.

A respecto dos orzamentos, o líder do PP local, Borja Verea, asegurou que non ten nada que dicir xa que non coñecen dos presupostos “máis que a roda de prensa” na que se anunciou o borrador. En calquera caso, Verea insiste en que o de Sanmartín “é o goberno máis minoritario da historia” e en que “o PSOE, xa facilitou o goberno” e agora teremos uns orzamentos de BNG, CA e PSOE.

Servizos, vivenda, sostibilidade e xestión municipal eficiente

Estas son as liñas básicas que vertebran os orzamentos propostos polo Goberno local para 2024: uns servizos públicos de calidade, políticas de vivenda e sostibilidade e a procura dunha xestión municipal eficiente. Liñas complementadas con cuestións transversais como a igualdade ou a perspectiva de xénero, tal e como indicou a alcaldesa.

“Queremos eliminar os contratos en precario nos servizos públicos”, indicou Goretti Sanmartín, como poden ser o transporte urbano, o Servizo de Axuda no Fogar (SAF) e a rehabilitación de centros socioculturais (CSC) e das instalacións deportivas da cidade. Así mesmo, e seguindo a liña do “marcado carácter social” dos presupostos, a alcaldesa comunicou a posta en marcha dun Plan de Conciliación anual “para nenos e nenas en idade escolar e comedores con cociña nos propios centros de ensino”. O Goberno local quere tamén poñer en marcha unha “asesoría LGTBI e un Plan de recuperación da Memoria histórica e democrática”.

A respecto do SAF, María Rozas destacou o incremento orzamentario do 43% respecto da partida de 2022, con máis de 5,2 millóns de euros que en 2025 pasarán a ser 6,3 millóns. A edil remarcou “a aposta contundente polo social” e tamén o feito de que as partidas teñan en conta “o acordo de Goberno, no que CA se ve reflectida e identificada de forma transversal”. María Rozas non quixo deixar de mencionar o Centro para persoas sen fogar que se está a rehabilitar no Parque de Belvís nin o Centro Social do Ensanche.

En canto ás políticas de vivenda, máis alá de ampliar o parque residencial de titularidade pública e priorizar a rehabilitación do patrimonio municipal, a alcaldesa indicou a intención do goberno de “convocar un concurso de ideas” para a execución de obras de humanización entre o Campo da Estrela e Basquiños na procura de conseguir “unha mellor accesibilidade e iluminación, áreas peonís e para bicicletas e manter e promover parques infantis e áreas interxeracionais”.

Pendente do convenio da Xunta dótase a partida para abastecemento e saneamento no rural de 4 millóns de euros, “un 3% do total orzamentario”. E alén de recuperar o palacete do Espiño e a súa zona verde, realizar obras para evitar os asolagamentos e potenciar os Colecamiños e a campaña Faite ver, a alcaldesa anunciou tamén as obras de reforma do Mercado de Abastos. 

A mellora da xestión municipal “interna e externa”, asegurou Goretti Sanmartín, é outro dos obxectivos dos orzamentos propostos para 2024, que permitirán implementar “un novo modelo turístico”. Un aspecto para o que se deseña a Estratexia Plurianual 2024-2029, que permitirá “a posta en marcha da taxa turística”, asegurou a alcaldesa.

Outra das estratexias plurianuais que implementará o Goberno local se saen adiante estes orzamentos tal e como os presentan, será a que afecta a Compostela Cultura 2024-2027 e que inclúe a reforma do Auditorio de Galicia. “Queremos un orzamentos aprobados axiña”, asegurou Sanmartín, “para levar a cabo políticas ambiciosas que respondan ás necesidades da veciñanza”.

Mobilidade e CSC

A primeira tenenta de alcaldesa, María Rozas, fixo mención durante a presentación do borrador de orzamentos ás áreas que leva o seu compañeiro de formación, Xan Duro. Así, en canto a Mobilidade, Rozas destacou a dotación con máis de 9 millóns de euros para a mellora do transporte público, fronte aos 6,2 millóns dos orzamentos prorrogados de 2022, e fixo fincapé no interese do Goberno local por impulsar “a mobilidade ciclista e peonil”.

Canto aos centro socioculturais, e como xa adiantara Sanmartín, a rehabilitación será unha prioridade, con “obras de mellora e acondicionamento e unha partida específica da rede plurianual de investimentos”.

Arredor de 41 millóns en gastos de persoal funcionario

Segundo informou o edil de Facenda, Manuel César, o gasto municipal en persoal traballador ascende a uns 41 millóns, unha cifra na que contan “subidas salariais e homologacións” dos niveis que corresponde a cada categoría funcionarial de cara ao próximo exercicio. Unha contía que responde tamén “a un cadro de persoal do Concello de Santiago que ten certa idade, está máis envellecido e, por tanto tamén percibe uns salarios maiores”. 

[object Object]

Dos 141 millóns de euros do orzamento, as porcentaxes de incremento por áreas aumentan da seguinte maneira: máis dun 3% vai para o Pacto polo Rural, cunha contía de 4.375.147 euros; un 2,2% destinarase a políticas de igualdade e servizos sociais contará cun 8 millóns, sen contar os gastos de persoal, o que supón un incremento sobre o presupostado en 2022, de 2,5 millóns de euros. Nesta área, un dos servizos máis beneficiados é o SAF (Servizo de Axuda no Fogar), que ve incrementado o seu orzamento nun 43%, co que se pasará para 2025 de 3,6 millóns de 2022 a 6,3 millóns.

A mocidade tamén verá un aumento nas partidas destinadas ás súas actividades, pasando a ser 565.000 euros (en 2022 era menos a 300.000 euros) e recupéranse os orzamentos participativos, para os que se destinan 100.000 euros. A área de emprego pasa de ter unha doctación de 725.000 euros a 1,2 millóns e a comercial recibe un incremento de 170.000 respecto de 2022. Os ingresos municipais chegarán aos 124 millóns os correntes, mentres a cifra de gastos se elevará aos 121, pero segundo informou o edil de Facenda, Manuel César, “non está prevista a suba de impostos durante o presente exercicio”.