Os puntos clave dos orzamentos de Compostela para 2024

A recuperación da finca do Espiño e da zona verde a súa contorna inclúese nos orzamentos 2024

A recuperación da finca do Espiño e da zona verde a súa contorna inclúese nos orzamentos 2024 / Jesús Prieto

Seis son as liñas a través das que se estruturan os orzamentos de Santiago para 2024, aprobados este mércores en sesión plenaria extraordinaria cos 14 votos a favor de BNG (6 edís), Compostela Aberta (2 edís) e PSOE (6 edís) e os 11 votos dos edís 'populares' en contra. Media media ducia de áreas ás que se destinarán 142 millóns, aos que cómpre engadir os presupostos consolidados (co Auditorio de Galicia e as empresas municipais Tussa e Incolsa) e as contías extraordinarias e de suplemento aprobadas na mesma sesión do Pleno, co que a contía orzamentaria total queda nos 147 millóns de euros.

Servizos públicos

Na busca de "mellorar a calidade de vida", segundo o concelleiro de Facenda, Manuel César, o orzamento incrementouse un 216,93% para o abastecemento domiciliario de auga potable, "que estará centrado no rural coa instalación de depuradoras ecolóxicas e a rehabilitación e a ampliación da rede de saneamento e bombeo".

A xestión de residuos dótase con 7.260.924 euros, a limpeza viaria con 4.963.499, así como un incremento do 26,59% na partida do alumeado público (4.796.382 euros) e de 25,96% nos fondos para o servizo de mantemento e conservación dos parques e xardíns (3.774.712 euros).

O contrato do SAF conta cun crédito inicial de 5.553.657 euros, dos que 3.729.600 corresponden á próxima licitación do contrato (no mes de maio). Tamén se destinarán partidas para os novos contratos de conserxaría e limpeza nos CEIP (1.427.000 euros), en instalacións deportivas (875.480 euros) e nas pistas exteriores (346.334 euros).

Políticas sociais, culturais e de igualdade

O plan anual de conciliación vai estar dotado cunha partida de 1.625.316 euros, e 448.000 euros achegaranse á posta en marcha do plan piloto de comedor con cociña no propio centro escolar, unha "demanda histórica da comunidade educativa", detallou César.

As políticas de igualdade representan o 2,2% do orzamento e o programa Compostela Decide de Mocidade -presupostos participativos- contará cunha dotación de 100.000 euros. Nesta liña tamén se inclúen 35.000 euros para a creación do servizo de asesoramento LGBTI e outra de 157.000 para o plan de recuperación da memoria histórica.

Transformación urbana e mellor acceso á vivienda

O concurso de ideas para o proxecto de transformación urbana entre o Campo da Estrela e os Basquiños prevé unha partida de 250.000 euros. Destinaranse 100.000 euros á mellora da accesibilidade en diversas zonas, 523.121 euros investiranse en seguridade viaria e 412.086 euros para a creación do plan de mantemento dos parques infantís.

Canto á vivenda, prevese a ampliación do parque de vivenda pública coa adquisición e rehabilitación de inmobles para alugar dotada con 1.048.070 euros.

Sustentabilidade e territorio

O Goberno local vai investir no plan de abastecemento e saneamento do rural 2.972.924 euros, para cumprir os compromisos do Pacto polo Rural haberá unha dotación de 4.375.147 euros, "cunha porcentaxe superior a 3%, o que é un feito histórico" sinalou o concelleiro. Ao plan de drenaxe e novas canalizacións para reducir os asolagamentos por chuvias achéganse 222.553 euros; 1.546.710 para a renaturalización e mellora da biodiversidade e medio millón para a recuperación do palacete do Espiño e da zona verde da súa contorna.

Na procura dunha mellor cohesión territorial executarase a plataforma loxística de transportes con 2.181.309 euros e implantaranse novos Colecamiños coa achega de 18.000 euros.

Esforzo investidor

A reurbanización das rúas García Lorca, Ponte da Raíña e Mallou estará dotada con partidas de 250.000 euros, no primeiro caso, e 500.000 os dous seguintes. Algo máis, 530.000 euros será o orzamento destinado á reforma da Praza de Abastos.

O documento aprobado o mércores tamén prevé as rehabilitaciónsdos polideportivos de Vite (207.599 euros) e Santa Isabel (1.048.032 euros) e as melloras nos diferentes campos de fútbol cunha partida que ascende a 235.919 euros.

Mellor gobernanza e modelo de cidade

Cun importe total de 2.587.200 euros dótase o Plan estratéxico 2024-2029 para impulsar un novo modelo turístico "consciente e sustentable" e a posta en marcha da taxa turística.

A modernización da Administración local -transformación de prazas, oferta de emprego e dixitalización de procedementos- é outro dos eixos desta liña e estará dotado con 2.851.636 euros. Así, destínanse 528.420 euros á creación de novas prazas, o Fondo de acción social está dotado con 450.000 euros, a formación con 80.000 e haberá 300.000 euros para primas de xubilación.

A achega municipal ao Auditorio de Galicia ascende a 1.950.000 euros.