El Correo Gallego

Noticia 1 de 1 Santiago | santiago@elcorreogallego.es  |   RSS - Santiago RSS

Exame aos comedores: xantamos nun colexio público de Compostela

A crema de verduras está no seu punto, pero o polo ao chilindrón e as patacas panadeira quedan no límite do aprobado // Os pratos sérvense con temperaturas superiores aos 65°, o tope que fixa o prego // A comida sae a 90° da cociña que Serunión ten en Vigo ás 11, tres horas antes de que os nenos senten á mesa // No servizo hai inscritos 1.200 usuarios

ELVA OTERO   | 30.11.2016 
A- A+

É luns. Igual que nos outros oito comedores que xestiona o Concello, no CEIP Ramón Cabanillas hoxe toca crema de verduras e polo con gornición de pataca e froita. Non hai cambios nas previsións que figuran na web municipal desde principios de mes. Se os houbese, Serunión -a empresa adxudicataria- estaría a imcumprir o prego. “Este ano é máis complicado que introduzan pratos novos para comprobar se funcionan porque os menús están pechados. Repítense cada catro semanas. Non se poden modificar”, conta Nacho Fariña, coordinador xeral do servizo.

Ás 14 horas os nenos acceden ao espazo situado na pranta baixa do centro. Mentres fan unha ringleira na marxe dereita da sala para lavar as mans, xusto no extremo contrario unha pequena con necesidades especiais toma o primeiro prato con axuda dunha monitora. Reforza o servizo os luns e os martes, coincidindo coa asistencia da menor a este centro (segue un modelo de escolarización mixto). Con 154 usuarios de media –unha das cifras máis elevadas da cidade-, o Ramón Cabanillas ten asignados nove supervisores: un por cada 18 alumnos de Primaria e outro por cada 15 de Infantil. No servizo municipal de comedor escolar hai inscritos 1.200 cativos, 400 máis que o ano pasado.

G.L.O.
Ficha de control da temperatura de cada prato. Realízase dez minutos antes de que os nenos comecen a xantar
FOTO: G.L.O.

Ao fondo, dúas enormes potas manteñen quente a crema. Dez minutos antes de que os nenos cheguen, mídese a temperatura de cada prato. Non se fai antes para evitar que arrefríen. “Está a 76’6 graos. Ningún pode baixar dos 65”, explica Fariña. Segundo a ficha de control que amosa, o polo ao chilindrón está en 69,3 e a pataca panadeira, en 66,2.  “En cinco anos que levo aquí e incluso con dúas empresas distintas, nunca houbo necesidade de devolver a comida”, engade o coordinador. Ás 11 da mañá sae das cociñas que Serunión ten en Vigo o camión que abastece aos nove colexios públicos de Compostela. “Dalí vén case a 90 graos”, defende Fariña. O ano pasado o reparto facíase desde Bergondo. “O comentario xeral é que lles gusta máis. A diferenza, é que desta vez pónselle máis verdura a cada prato”, engade. Aos pais o menú cústalles un 65% máis que o curso 2015-2016 e por cada xantar teñen que aboar 4,5 euros (1,92 por almorzo).

Nunha estancia anexa atópanse os menús especiais: un para celíacos, outro sen carne, un terceiro sen sal e o último, hipocalórico. “Todos eles veñen fríos. Chegan nunha neveira. O coordinador ocúpase de quentalos no microondas cando chega o momento de xantar”, aclara Fariña. Como complemento, e aínda que non figura no prego, a Santiago envíase unha caixa extra con pratos deste tipo. Se algún colexio o demanda, fáiselle chegar deseguido desde o centro máis próximo. Cando un alumno precisa unha dieta branda por enfermidade e previa advertencia dos pais, tamén se solicita. Segundo as bases do concurso, a dieta está supervisada por unha nutricionista externa da Universidade de Vigo.

G.L.O.
Crema de verduras, de primeiro, polo ao chilindrón, de segundo, e para a sobremesa, froita de tempada
FOTO: G.L.O.

Os nenos sentan á mesa. Os monitores póñenlle a comida en vaixela de vidro temperado e non en pratos de plástico coma o curso anterior. A crema está saborosa, na súa temperatura xusta e sen sal en exceso. Tampouco ten especias de máis. Para acompañar, unha ración de pan que chega ao comedor en bolsas de plástico individuais e auga -tamén en vaso de plastico-. O segundo prato non tarda moito. O servizo é áxil. O polo e a gornición de pataca non se poden comparar co que se prepara na casa a lume lento, pero o sabor é aceptable, no límite dun aprobado. De sobremesa, hoxe toca kiwi. Aos nenos xa se lles serve sen pel e cortado en anacos.

G.L.O.
Nacho Fariña, coordinador xeral do servizo de comedores, recollendo unha mesa no CEIP Ramón Cabanillas
FOTO: G.L.O.

“Son libres de repetir o que queiran. Pero, en xeral, teñen présa por saír a xogar e non o fan”, bromea o coordinador. Aínda que a maioría detestan certos pratos como a minestra de verduras ou calquera gornición que sexa verde, na súa opinión o nivel de rexeitamento non resulta preocupante. “Hai nenos que sempre comen mal ou que o fan máis lentamente. Son os que quedan até o último momento”, advirte. Salvo unha ducia de alumnos, o resto abandona o espazo arredor das 14.45 horas. Cepillan os dentes e, a continuación, poden sumarse ás actividades que supervisan os monitores mentres os pais non chegan a recollelos (como máximo até as 16.30).