El Correo Gallego

Portada » Hemeroteca Web

pan e coitelo

Coordenación das Deputacións

XOSÉ MANUEL SARILLE DFA AS   | 24.07.2007 
A- A+

Els Joglars representou unha vez unha parodia na que aparecían todas as policías de todos os organismos do estado español buscando un ladrón. Daba o riso, porque sen atribucións especiais desfilaban até doce ou catorce corpos diferentes. Aquí temos o costume de ir creando novos organismos sen clausurar os anteriores, aínda que estean obsoletos. Estas cousas non sucede nos países que viviron unha revolución, como Inglaterra, EEUU ou Francia. En España vanse acumulando trastes e estorbos, caros e sen utilidade, que resulta difícil retirar. É o caso das deputacións, uns órganos de elección non democrática, non directa. En Galiza abranguen territorios sen identidade. Só teñen a que se deriva das prestacións económicas que fan as propias deputacións.

O partidos que conforman o goberno galego anunciaron, sen moito espírito, que abordarán a coordenación. É un mandato do Estatuto de Autonomía, que nunha disposición transitoria obriga a que as catro corporacións provinciais unan os seus orzamentos aos da Xunta.

O programa do bipartito promete tamén unha lei de coordenación e un plan único de obras, pero no punto anterior do mesmo apartado comprométense, loxicamente con prioridade, a impulsar unha nova organización administrativa do territorio, baseada en comarcas, rexións e áreas metropolitanas. Ao cabo de dous anos de goberno, disto último non hai nada. Xa se sabe, fai falta un bo nivel técnico para non poñer todo coas patas para arriba sen saber despois como ordenar, cómpren coraxe e claridade de ideas, tres calidades imprescindíbeis para facer política.

Pero claro, se non hai comarcas, rexións nin áreas metropolitanas, a pregunta é: en que vai consistir a coordenación, se os órganos executores, pegados ao terreo municipal son as deputacións? O plan de obras xa está inventado, os cataláns téñeno desde o ano 87. De alí procede esa idea de coordinar. Tamén desta vez tratarán de inspirarse neles. Mais os cataláns executan o plan de obras e distribúen o diñeiro no marco da nova organización territorial de Cataluña, baseada nos consellos comarcais, útiles e dinámicos. Esa é a diferenza fundamental .