El Correo Gallego

Portada » Hemeroteca Web

AILOLAILO

Para que serve a Historia de Galicia?

XOSÉ MANUEL SARILLE ESCRITOR E PROFESOR   | 15.04.2008 
A- A+

A liberdade de cátedra foi unha grande conquista, porque serviu para que o estudoso puidese expresar as súas teorías sen ser perseguido por iso. É un logro moi aquelado para que as sociedades avancen e para vencer as sombras, aínda actualmente.

Tamén hoxe se trata de que o intelectual teña asegurado o pan, aínda que os seus pensamentos ataquen outros intereses, porque se depende das esmolas do poder nunca poderá dicir ou escribir o que pensa, e entón as mentalidades non se transforman, as persoas non avanzan, a liberdade non se amplifica e son as sombras e as supersticións as que vencen.

Na sociedade galega hai miles de persoas, profesores sobre todo, que lograron iso. Mais ao cabo non se expresan libremente porque aspiran ás prebendas do poder, en forma de cargos e privilexios. É tremenda a pobreza da crítica, a escaseza de teorías novas e a lexión dos que sempre din amén ao goberno da Xunta, ou ao partido, que cando lle toca reparte.

Por estas razóns, a min gústame ler a José Carlos Bermejo, un catedrático de Historia Antiga ao que non coñezo persoalmente. Porque cumpre co seu deber de intelectual, e fala e escribe libremente tendo que soportar censuras (aínda hoxe, aínda hoxe). Pero sen poñerse límites critica a alucinante elaboración cultural que se está a facer en Galiza.

Para que serve a Historia de Galicia? é un libro molesto que percorre os mecanismos produtores da verdade histórica, e pasea polas reviravoltas nos que a súa produción se relaciona cos mecanismos do poder. Fala tamén, dito axiña, de cómo case todos se derreten, intelectuais e historiadores, co ruído de metal das consellarías, consellos e outras herbas.

Pon como exemplo de mediocridade a celebración do quinto centenario da Universidade de Santiago; explica como se exhiben títulos de gloria inexistentes, en troca de contar a verdade dunha institución penosa até hai moi pouco. E fala da Cidade da Cultura como ruína simbólica e tamén económica.

Non é estraño que Bermejo comece citando "no he de callar por más que con el dedo... silencio avises o amenaces miedo". Bermejo é un suave vendaval que limpa a atmosfera.