El Correo Gallego

Portada » Hemeroteca Web

Ames, Boqueixón, A Estrada e Ordes premian aos seus literatos

O xurado amiense seleccionou os gañadores entre 105 participantes // Mil euros para os autores ordenses // Berta Dávila recibiu 2.000 euros polo Avelina Valladares // Os escolares boqueixaneses foron protagonistas

REDACCIÓN/DELEGACIONES • SANTIAGO  | 18.05.2008 
A- A+

Un dos gañadores do certame amiense lee a súa obra ante a mirada de varios edis da Corporación

Coincidindo coa celebración do Día das Letras Galegas, os Concellos de Ames, Ordes e Boqueixón celebraron onte a entrega de premios dos seus certames literarios afeccionados.

En Ames o xurado tivo que decidir entre os 105 traballos presentados ao V Certame Literario. As escritoras Inma López e Anxos Sumai e o poeta Rafa Villar seleccionaron as mellores obras en poesía e narrativa. Nesta última, o gañador dos menores de 14 anos foi Xaime Santiago; na categoría de 14 a 18 anos, Daniel Martínez; e na de adultos, Conchi Lago. En canto á poesía, nas mesmas categorías de idade, gañaron os textos de Nuria Rodríguez, Rosa Catarina Piñeiro, e Alberte Momán. O acto de entrega de premios realizouse na casa de cultura do Milladoiro e contou coa actuación dos alumnos da Escola de Música Municipal.

En canto a Ordes, o VII Certame de Poesía das Letras Galegas tivo 18 participantes. En categoría infantil gañaron Paula Martínez (140 euros) e Samuel Temprano (110 €); en xuvenil, Olaia Tojo (140€) e Manuel Tasende (110 €); e en maiores de 17 anos, María Xesús Lemos (350 €) e Mari Carmen Villaverde (200 €). Todas as poesías gañadoras foron lidas polos seus autores. A concelleira de Educación, Silvia Marín, leu un poema do homenaxeado, Xosé María Álvarez Blázquez.

Na Estrada, onte fíxose entrega á novísima poeta Berta Dávila do premio de 2.000 euros co que está dotado o certame Avelina Valladares. O acto celebrouse nos xardíns municipais.

Finalmente, no concello boqueixanés, as gañadoras do concurso de Paisaxes de Boqueixón foron Lorena Santasmarinas (na categoría de Secundaria); Yolanda Vázquez (na de Primaria), e Uxía Mointero (en Infantil). En canto ao certame de redación, tamén organizado polo concello, as vencedoras foron as mozas Ana García (Secundaria) e Lucía Porto (Primaria). A entrega de premios realizouse onte pola tarde na casa da cultura de Camporrapado.

Axenda

Ames

A partir das 18.30 horas na casa de cultura de Bertamiráns, acto de homenaxe a Ramón Lorenzo, lingüista e catedrático amiense. Actuarán Fran Pérez e as corais do Milladoiro e Bertamiráns.

Fisterra

A partir de mañá, quedará aberta ó publico a exposición 100 anos de Himno de Galicia.

Melide

Mañá, xornada de convivencia dos escolares de todo o municipio na praza do Convento, cun relatorio sobre a vida de Álvarez Blázquez e un recital de poemas do autor homenaxeado.

Padrón

Ás 12.30 horas, na Casa Museo de Rosalía, entrega dos premios Pedrón de Ouro e Pedrón de Honra ao catedrático de Historia Contemporánea Xusto Beramendi e Xosé Lois García. Intervirán Xosé Ramón Fandiño, membro do Pedrón de Ouro; e Luís Álvarez Pousa, xornalista e profesor da USC.

Porto do Son

As corais Virxe do Carme do Son e a Montemar de Noia ofrecerán hoxe un concerto na casa de cultura da primeira localidade ás 20.30 horas. Tamén no Son se clausura hoxe a exposición de pintura abstrata Sombras de María del Pilar Sampedro Lampón, Gabriela Núñez e Jordi Planas.

Oroso

Mañá, ás 17.45 horas, entrega do premio dun lote de libros aos gañadores do concurso de marcapáxinas, na biblioteca municipal.

Zas

Mañá, a biblioteca municipal de Zas acollerá, ás seis da tarde, o contacontos Trinke Trinke.