El Correo Gallego

Noticia 1 de 1 Galicia | galicia@elcorreogallego.es  |   RSS - Galicia RSS

www.navegadorzac.com

Versión gallega del programa informático para niños autistas

Un avó das Vegas crea unha aplicación web para o seu neto autista // En breve estará dispoñíbel en galego grazas ao informático Iago Seara, responsábel tamén da versión en castelán

MARGA TOJO • SANTIAGO  | 06.07.2008 
A- A+

Zac Villeneuve, neto do programador informático John LeSieur

Un avó das Vegas, informático e cun neto autista, decatouse de que internet podería ser unha boa ferramenta para a rehabilitación do seu neto de seis anos. Con todo, o único que conseguiu foi o desánimo tras constatar que para o pequeno Zac Villeneuve a gran cantidade de cores, os banners e os contidos estridentes da rede non o axudaban en nada. Cos seus dotes de programador, John LeSieur deseñou un navegador web específico para cativos autistas, que simplifica a procura de contidos e elimina os elementos que afectan á mente de quen sofren o autismo.

"No 2002 fomos bendicidos cun fermoso neto, Zackary. Nos seus primeiros anos empezou a mostrar signos clásicos de desorde de desenvolvemento dominante e foi diagnosticado como autista severo no 2005. Temos o máis profundo amor pola nosa filla e neto, e é a partir deste emotivo sentimento que usamos o noso talento para crear un navegador especificamente para Zac e os nenos que afrontan desordes cerebrais similares", asegura John LeSieur.

Así, este informático estadounidense uniu os seus coñecementos aos de pedagogos e especialistas psiquiátricos para incorporar numerosas prestacións que fixesen adecuado o seu navegador ao autismo. O bloqueo dalgunhas teclas e funcións do computador para que o pequeno non se distraia con elementos secundarios, como o botón dereito do rato ou a tecla Imprimir pantalla; e outros elementos do navegador, como as iconas simplificadas e o seu gran tamaño, axudan ao neno a acceder de forma directa a xogos, contos ou exercicios mentais.

Aproveitando a súa pequena empresa de software chamada People CD Inc., deuse á tarefa de proxectar o navegador. Pronto, do obxectivo primixéneo de axudar a Zackary, LeSieur pasou a recibir noticias de centos de pais de fala inglesa de todo o mundo que probaran con éxito o Navegador Zac paraNenos Autistas (www.zacbrowser), colgado en internet. A aplicación de software ten agora unha versión en castelán e en breve estará dispoñíbel en galego grazas ao traballo do informático Iago Seara e á colaboración do colectivo Tadega (Tecnoloxías de Atención á Diversidade na Educación Galega).

O www.navegadorzac.com, de descarga gratuíta, estase a convertir nunha pequena porta aberta para quen mira o mundo dun xeito diferente.

NOVIDADES

O rato coa cabeza

Grazas, entre outros motivos, ás suxerencias de pais e educadores a través do Foro que ten o navegador, Seara deseñou unha aplicación para mover o rato coa cabeza, que estará entre as próximas novidades .