El Correo Gallego

Portada » Hemeroteca Web

Presidente da Asociación Galega de Amizade con Israel

Pedro Gómez-Valadés: "Quintana debe dicir se o BNG plural casa co meu linchamento"

A organización culminará o vindeiro día 30 o proceso que pode acabar coa saída do simpatizante pro israelí Pedro Gómez-Valadés da formación nacionalista // Denuncia unha situación interna penosa

XAIME LEIRO • SANTIAGO   | 20.03.2007 
A- A+

Pedro Gómez-Valadés, presidente da Asociación Galega de Amizade con Israel

Recepcionista dun hotel de Vigo e militante do BNG, Pedro Gómez saltou aos medios de comunicación polo intento posto en marcha pola formación frontista para expulsado a raíz da súa simpatía polo pobo de Israel.

_ Vai vostede contracorrente dentro do Bloque.

_ Tamén son pro palestino. Creo e defendo, como defende a asociación que presido e que provoca este tremendo asunto, que os palestinos e os israelís, teñen que convivir e que a fórmula de dous estados dúas nacións ten que resolver o conflito. Esperemos que o antes posible.

_ ¿Como?

_ A única garantía que teñen os palestinos de conseguir un Estado de seu e precisamente o Estado democrático de Israel. Se os palestinos tiveran que esperar que os seus irmáns árabes promoveran a creación dun Estado palestino o terían moi difícil, cando non imposible. A garantía para que poida ter un estado, con fronteiras estables e paz, e precisamente a potente democracia israelí que resistiu 60 anos de acosos.

_ ¿De onde veñen as súas simpatías polos israelís?

_ Son de esquerdas e procuro exercer como tal. Son nacionalista e tamén exerzo como tal. A esquerda ten que ser o máis analítica e o máis obxectiva posible. A maior parte da esquerda neste tema cae nos tópicos e non analiza o que pasa.

_ ¿Estivo vostede en Israel?

_ Non.

_ ¿Cal é a súa visión?

_ O tratamento que se lle dá o conflito nos medios non é proporcional o que se lle dá a outros no mundo: vexamos por exemplo o que pasa en Sudán. O conflito palestino cae moitas veces no simplismo de brancos e negros ou bos e malos. E non é así. Ten moitísimos matices. Da miña visión de que se estaba tratando o asunto de forma errada xurdiu a asociación.

_ ¿Foi dificil sacala adiante?

_ Xurdiu a raíz dun blog que tiña eu en internet. Fómonos comunicando e nacemos en decembro de 2006 nunha asemblea en Compostela onde participamos 70 persoas. Hoxe somos cerca de 200, a maioría do Bloque, pero tamén do PSOE, do PP e de Esquerda Unida. Por iso eu sempre recalco que se na asemblea constituínte os socios non tiveron ningún problema de que Pedro Gómez-Valadés fora presidente a pesar de ser militante do Bloque, pois o BNG non ten nada que decir en sentido contrario.

_ ¿Quen o presiona no BNG para que deixe a militancia?

_ O triste é que a presión non e só da Unión do Pobo Galego. Hai sectores fóra da UPG cunha visión pobre e chea de tópicos. O último, o concelleiro pontevedrés Guillerme Vázquez.

_ ¿Cando pode culminar o proceso da súa expulsión?

_ O día 30 no consello comarcal e na asemblea comarcal de Vigo. Aínda que despois cabe un recurso e eu irei ate os tribunais ordinarios se é preciso.

_ ¿Chegará o BNG tan lonxe?

_ Espero que non porque eu quixera que calquera militante do Bloque poida estar nunha asociación que sexa legal e defenda cuestións democráticas. Por iso para min e triste o silencio que algúns, nomeadamente Anxo Quintana, manteñen ao respecto.

_ ¿Estebleceu vostede contacto directo con el?

_ Tanto o portavoz nacional, Anxo Quintana, como o líder en Vigo, Santiago Domínguez Olveira, teñen por activa e por pasiva a miña petición de que tomen cartas no asunto. Anxo Quintana ten que dicirlles ás ducias de socios da asociación se podemos seguir sendo parte do Bloque. O portavoz nacional debe dicir se o BNG plural que el defende casa con este linchamento. A situación, como se pode ver, é penosa.

A FRASE "

"Moitas veces a información está baseada en tópicos: o que fai Israel e malo, o que fai Palestina e bo".