El Correo Gallego

Cultura | cultura@elcorreogallego.es

ACORDO

López defende o galego nos servizos públicos

Preséntouse en Compostela o libro "Contos de agardar" para normalizar a lingua nos corpos e forzas do Estado

AGN • SANTIAGO   | 27.09.2007 
A- A+

A secretaria xeral de Política Lingística, Marisol López, insistiu onte en que o galego "debe ser a lingua de acollida en calquera servizo público" e destacou a necesidade de "introducilo nos corpos e forzas do Estado", outorgándolle un "uso formal".

Así o manifestou onte en Santiago durante a presentación da colección de historias breves Contos de agardar, na que aproveitou para anunciar que a Xunta proxecta crear un "protocolo de colaboración" co obxectivo de promover e defender o galego.

Segundo apuntou López, o protocolo abarca diferentes iniciativas, como "accións formativas específicas para os funcionarios", adaptación ó galego dos "documentos impresos e os programas informáticos" e actualización da "sinalización interna e externa" das dependencias.

Así mesmo, a responsable de Política Lingüística comentou que "a maioría" dos axentes de seguridade "utilizan o galego nas súas conversacións", pero que ó "pasar á formalidade" optan por facelo en castelán, feito que considerou "innecesario".

Por outra banda, o conselleiro de Presidencia, Xosé Luís Méndez Romeu destacou que a realidade de España é "complexa", como o son a de Suíza, Bélxica e Canadá, onde existe pluralidade de formas de expresión "asumidas por millóns de persoas", o que supón un "desafío" pero tamén unha "inmensa riqueza".

Así mesmo, considerou necesario "favorecer a difusión do galego" sen que isto supoña un "indicio de confrontación".

Pola súa banda, o presidente da Asociación de Funcionarios para a Normalización Lingística, Xoaquín Monteagudo, defendeu que o galego "merece ser a lingua propia das forzas do Estado".