Lunes 21.10.2019 Actualizado 11:26
Google    

El Correo Gallego

Gente y comunicación | sociedad@elcorreogallego.es

dramaturxia

O galego Rubén Ruibal, Premio Nacional de Literatura Dramática

"Limpeza de sangue", un texto arredor da doenza e da amizade que "dialoga" con Vidal Bolaño, logrou onte o galardón do Ministerio de Cultura // Roberto Salgueiro gaña o Álvaro Cunqueiro e Carlos Losada, o Manuel María

REDACCIÓN • SANTIAGO  | 24.10.2007 
A- A+

O dramaturgo Rubén Ruibal, Nacional de Literatura Dramática

A obra non chegou a representarse pero iso non impediu que Limpeza de sangue, do dramaturgo galego Rubén Ruibal (Ribadeo, 1970) veña de ser recoñecida co Premio Nacional de Literatura Dramática, decidido onte en Madrid. Á excepcionalidade deste galardón do Ministerio de Cultura, dotado con 15.000 euros, premiar unha peza teatral en galego sumouse o feito de que Ruibal, dramaturgo en paro, e "amo de casa" na actualidade, xa gañara con este texto o Premio Álvaro Cunqueiro de Textos Teatrais, en 2005, galardón que na súa edición de 2007 se decidiu tamén onte, distinguindo, por cuarta vez na súa historia, unha obra do dramaturgo Roberto Salgueiro.

Limpeza de sangue, editada por Xerais, tiña asegurada, nas bases do Cunqueiro, a súa posta en escena, pero esta segunda parte, asegura Ruibal, "non se cumpriu, porque non lle interesou ó Instituto Galego das Artes Escénicas e Musicais (Igaem) ou non lles pareceu que a obra tivese suficiente calidade".

Ruibal (Ribadeo, Lugo, 1970) leva en paro des que pecharon a compañía Teatro de Aquí tras a morte en 2002 do seu director, o dramaturgo galego Roberto Vidal Bolaño, co que o premiado traballara durante dez anos.

Por iso, onte, Ruibal non acababa de crer que gañase o Nacional de Literatura Dramática, e cando o chamou o ministro de Cultura, César Antonio Molina, para darlle a noticia pensou que "era unha broma duns amigos do mundo do teatro". "Non pode ser, non pode ser", repetíase unha e outra vez o escritor.

Ruibal considérase un claro exemplo do "complicado que é en Galicia sobrevivir os autores que escriben en galego, a non ser que sexas escritor e empresario ao mesmo tempo", di. "En Galicia represéntanse todo tipo de autores internacionais, pero, ao parecer, os dramaturgos galegos debemos escribir moi mal porque non contamos co apoio dos organismos teatrais da Comunidade Autónoma", engadía.

Limpeza de sangue é unha clara homenaxe a Vidal Bolaño e ao Doentes, unha obra sobre a enfermidade, como tamén o é a de Ruibal. O libro premiado reflicte a experiencia de dous enfermos, "pertencentes a mundos aparentemente opostos, que coinciden na sala de diálese dun hospital" en espera dos seus respectivos transplantes, e, forzados polas circunstancias, "empezan a coñecerse ata que xorde unha grande amizade entre eles".

Un é "un arquitecto" e o outro "un ex ionqui de barrio, e, a medida que avanza a obra, vaise coñecendo parte das súas vidas", agrega Ruibal.

"Este premio faime unha ilusión tremenda porque a min, en certo xeito, botáronme do Teatro galego desde que pecharon a compañía onde eu traballaba", afirma Ruibal.

"Obrigado polas circunstancias", quedou "no paro" e, actualmente, é "amo de casa". Ten "a sorte" de que a súa muller goza "dun bo soldo" e, así, el pódese dedicar a coidar dos seus dous xemelgos, que teñen dous anos, e "a cultivar a horta" xunto co seu pai.

Ruibal empezou a traballar no teatro "hai 24 anos como afeccionado". Despois fixo teatro universitario, tanto na Coruña como en Santiago, pero "a experiencia máis importante" foi a súa etapa xunto con Vidal Bolaño. Nesa época foi cando "realmente" se consolidou a súa vocación de dramaturgo e onde tomou "a decisión de escribir en galego", convencido de que "co teatro pódese influír no mundo que nos rodea. Quizá soe a pretencioso, pero ese foi o obxectivo", asegura o galardoado.

En 2000 constituíu, xunto con Carlos Losada, a compañía Teatro Cachuzo, e actualmente traballa nun proxecto para o Centro Dramático Galego que se estreará o próximo mes de maio.

Felicitación de Cultura

A Consellería de Cultura transmitiulle onte o dramaturgo galego Rubén Ruibal a súa felicitación pola obtención do Nacional de Literatura Dramática. Segundo un voceiro da Consellería, Ruibal "merece" o galardón pola súa destacada traxectoria na dramaturxia galega.

Diante das queixas manifestadas polo autor, no sentido de que o seu traballo non era suficientemente recoñecido polos responsábeis das artes escénicas de Galicia, o voceiro de Cultura recordou que o autor foi galardoado en 2005 co Premio Álvaro Cunqueiro, convocado polo Igaem.

RESOLUCIÓN DO CUNQUEIRO E DO MANUEL MARÍA

Dúas historias con raíces no noso presente

Roberto Salgueiro conseguiu este ano por cuarta vez o premio Álvaro Cunqueiro, nesta ocasión con Historia da chuvia que cae todos os días, no que, a través do enfrontamento dun pai e un fillo, o autor pretende analizar as dúas xeracións, e a constitución de Galicia como un espazo universal.

O xurado valorou deste texto a dramatización que o autor fai dos conflitos sociais presentes en Galicia hoxe en día, como a falta de perspectivas laborais, as cargas familiares, a emigración, e o choque xeracional. Ademais, destacou que se trata dunha obra "comprometida", que emprega un "galego vivo", con "diálogos áxiles, tensos, cribles e con carga dramática".

Nunha xornada, a de onte, marcada polos galardóns teatrais, foi precisamente Carlos Losada, fundador canda Rubén Rubial da compañía teatral Cachuzo, o gañador do II Premio Manuel María de Literatura Dramática Infantil co texto Game over. O xurado distinguiu Game over de Carlos Losada polo "bo ritmo" da obra, as súas "boas posibilidades escénicas" e a "frescura" da súa linguaxe. Deste modo, indicou que se trata dun texto "doado de seguir" para os mozos e que introduce unha "mensaxe moi actual": o illamento ao que se someten na actual os pequenos polo mundo das máquinas. A obra conta a viaxe dun neno chamado Roi ao país das súas marabillas, dos seus xogos e dos seus medos.Os autores premiados recibirán unha dotación económica de 6.000 euros, no caso do Cunqueiro, e de 4.000 euros no Manuel María. As dúas obras serán publicadas dentro das coleccións dramáticas que mantén abertas o Igaem .

MONICREQUES

Fica deserto o Premio Barriga verde 2007

Entre os premios de creación literaria ditaminados onte, o xurado decidiu deixar desertas as dúas modalidades -adultos e infantil- da edición 2007 do Premio Barriga verde de textos para teatro de monicreques "porque ningún texto posúe a suficiente calidade literaria" .