El Correo Gallego

Gente y comunicación | sociedad@elcorreogallego.es

adeus ao capitán do verso

A poesía perde a Ramiro Fonte

Co pasamento do escritor eumés en Barcelona, aos 51 anos, desaparece unha das máis sobranceiras voces da lírica europea contemporánea // As letras galegas fican orfas do alento clásico e humanista dos seus versos elegantes, feitos de música e memoria

FRAN P. LORENZO • SANTIAGO   | 12.10.2008 
A- A+

Ramiro Fonte durante o encontro literario ‘Correntes d’Escrita’ celebrado en 2006 en Póvoa do Varzim

Na madrugada de onte, no Hospital de Bellvitge en Barcelona, -onde levaba ingresado por unha grave doenza desde o pasado 23 de setembro-, esmorecía a voz dun poeta galego e universal, Ramiro Fonte. Tiña 51 anos. Nos seus versos alentou un clasicismo doce e amábel, amparado nun ritmo en ocasións sublime, que, malia todo, nunca o afastou da modernidade. O alento existencial, o humanismo, a cultura europea e a memoria concorren nos poemas de Fonte pero tamén na súa prosa, a que se cifra nunha monumental triloxía ambientada na súa infancia en Pontedeume, lugar no que naceu en 1957 e que marcou de maneira definitiva a súa escrita cristalina e luminosa.

Pensador e ensaísta, profesor de lingua e literatura galegas, o que foi até o seu pasamento director do Instituto Cervantes de Lisboa é unha das voces máis singulares da literatura galega das últimas décadas. Licenciado en Filosofía pola Universidade de Santiago de Compostela, Fonte integrouse, arredor de 1977 no colectivo poético Cravo Fondo. Seis anos despois, en 1983, publicou o seu primeiro libro, As cidades da nada. Seguiríanlle títulos de referencia como Designium (1984), Premio da Crítica e Premio Losada Diéguez; Pasa un segredo (1989), Premio da Crítica Española; As lúas suburbanas (1991), Adeus Norte (1991), que obtivo o premio Esquío; Mínima moralidade (1999), premio González Garcés; e Capitán Inverno, tamén de 1999, entre outros.

Membro correspondente da Real Academia Galega, o pasamento de Fonte causou onte no seo da república das letras galegas a consternación e a dor de ter perdido unha das súas máis sobranceiras e singulares voces.

Durante os meses anteriores á súa morte, o autor de Catro novelas sentimentais -volume narrativo que, como case toda a súa obra poética, publicou Xerais en 1998-, traballara arreo na edición du- nha antoloxía na colección Esquío, que publicaría a Sociedade de Cultura Valle-Inclán de Ferrol. Nese libro -que conta cun limiar no que se recolle a laudatio do crítico Miguel García-Posada na concesión a Fonte do premio Porto Magno, o pasado mes de xullo en Ferrol, e cun epílogo da poeta Julia Uceda- recóllense poemas seleccionados expresamente por Fonte para esa edición. Onte mesmo, Xerais expresaba o seu "máis fondo pesar" polo falecemento do escritor e anunciaba para este outubro a publicación de Reversos, o longo poemario de versos de formas clásicas medidas que o autor eumés escribira nos últimos meses, e que se imprimira o pasado venres.

A música, a elegancia, a excepción do poeta

A música, o ritmo, o alento acompasado dos grandes poetas, concorre na obra toda do eumés Fonte, un autor que en moitas ocasións acudiu aos clásicos para marcar no canon literario galego unha sorte de excepcionalidade, unha elegancia no dicir, unha vontade artística insubornábel, que individualizou e proxectou a súa obra no amplo contexto das líricas ibéricas e europeas contemporáneas.

 

O presidente da Xunta expresou o seu pesar

O presidente da Xunta, Pérez Touriño, sinalou onte que a literatura e a lingua galega "están de loito porque Galicia perdeu unha das voces máis lúcidas da nosa literatura", indicou. Touriño falou de Fonte como "un amigo e unha persoa entrañable" que sempre puxo o seu talento e a súa pluma "ao servizo do noso país".

A despedida, mañá ás 16.30 en Pontedeume

Tamén onte expresaron o seu pésame á familia de Ramiro Fonte a conselleira de Cultura e Deporte da Xunta de Galicia, Ánxela Bugallo, e a directora do Instituto Cervantes, Carmen Caffarel. A cerimonia de despedida do poeta, narrador e ensaísta eumés terá lugar na súa vila natal de Pontedeume mañá luns, 13 de outubro, ás 16.30 horas .