Galicia Hoxe Radio Obradoiro CorreoTV Terras de Santiago Anova multiconsulting
Google

Viernes 31.10.2014  | Actualizado 09.18 Hemeroteca web  |  RSS   RSS

Portada » Hemeroteca Web

NOS CASTROS DE NEIXÓN

Voluntarios para indagar outra época

No concello de Boiro está un dos xacementos da cultura castrexa máis importantes de Galicia, que nestes días está a ser escavado por un grupo de 25 mozos de varios países, no cuarto campo de traballo arqueolóxico que se celebra na zona. Un xeito de coñecer a cultura galega a partir da investigación de campo que satisface a estudantes e a veciños.

A. LOSADA  | 13.08.2006 
A- A+

Neixón, na parroquia de Cespón e no concello de Boiro, é unha zona cunha riqueza arqueolóxica única en Galicia. Nesa punta rochosa á beira do mar atópanse, moi xuntos, os restos de dous catros ocupados en distintas épocas históricas. Na punta do istmo está o Castro Pequeno, que estivo habitado entre os séculos VIII e V antes de Cristo, e un pouco máis abaixo está o Castro Grande, que naceu como unha expansión do anterior e tivo poboadores entre o século V antes de Cristo e o IV despois de Cristo, sobrevivindo á romanización da península Ibérica.

Nestes días de verán, ese contorno está a ser estudado e escavado por 25 persoas chegadas de Suíza, Alemaña, Canadá, Francia, Turquía ou Xapón, ademais de Galicia e España. Non todos son arqueólogos expertos, senón que hai estudantes de bioloxía ou historia da arte, traballadores da banca ou do sector servizos, unidos só pola curiosidade ante a cultura castrexa.

Trátase dun dos campos de traballo voluntario mellor considerados de todo o Estado. O Instituto de Estudos Galegos Padre Sarmiento, a Dirección Xeral de Xuventude (pertencente á Vicepresidencia da Xunta) e ó Concello de Boiro, manteñen dende 2003 un campamento de voluntarios durante os meses de xullo e agosto que está a ter unha excelente acollida entre os participantes, a comunidade científica e os veciños de Cespón. Nun principio, era só unha iniciativa de carácter interautonómico, pero, dende 2005, a posibilidade de traballar nos castros de Neixón abriuse a mozos de todo o mundo e converteuse na punta de lanza da recuperación dos xacementos de Cespón.

O arqueólogo do Instituto Padre Sarmiento e director da escavación, Xurxo Ayán, explica que os traballos se centran no chamado Castro Grande, xa que o Castro Pequeno foi escavado a fondo durante os anos 70, cando o concello de Boiro lle mercou á parroquia de Cespón os terreos nos que atopan os xacementos.

Debido á súa longa existencia de case un milenio, no Castro Grande pódense desenterrar dende cerámica fenicia e cartaxinesa ata ánforas do Baixo Imperio Romano. O labor dos voluntarios é localizar estes obxectos, limpalos, catalogalos e estudalos, sempre baixo a supervisión dos arqueólogos. As pezas máis interesantes, debidamente identificadas e restauradas, serán expostas posteriormente no Centro Arqueolóxico do Barbanza, sitúado xusto o pé dos castros.

Non obstante, Xurxo Ayán sinala que en Neixón "se tenta escapar da filosofía dalgúns campos de traballo que empregan os voluntarios como man de obra barata". Aquí, a cuestión é aprender máis que traballar e por iso se procura diversificar o máis posible as actividades, por iso hai un equipo de monitores arqueó

logos, para coordinar as escavacións e outro de tempo libre, para as actividades complementarias do campo. Deste xeito, non todo queda en buscar restos no chan.

Por exemplo, existen talleres nos que os voluntarios aprenden a modelar arxila como facían os castrexos, ou seminarios de xeomorfoloxía nos que se lles explica como é o substrato rochoso da punta de Neixón e como se formou, para axudarlles a identificar os restos que atopan nos castros. Recentemente, achegouse ata alí un experto da Universidade de León para ensinarlles como interpretar a alimentación dos castrexos a partir dos restos que se atopan non seus vertedoiros.

Xurxo Ayán asegura que no seu equipo tamén hai un especial interese en que os voluntarios "coñezan o patrimonio do Barbanza", que é unha das comarcas de Galicia máis ricas nese aspecto, e "a cultura do país". Para iso, case todas as tardes organizan excursións a lugares como o Castro de Baroña ou ás dunas de Corrubedo, e mesmo ó contorno inmediato (dolmen de Dombate, castelo de Vimianzo...).

Unha inmellorable relación cos veciños da parroquia

Suso Souto
Os castros de Neixón están situados nun lugar privilexiado da ría de Arousa. O traballo é duro, pero hai boas vistas
FOTO: Suso Souto

Un dos maiores logros do campo de traballo de Neixón é, en palabras de Xurxo Ayán, ter logrado "sacar a arqueoloxía das catro paredes do laboratorio". A filosofía que están a empregar é a de levarlle á xente os restos castrexos, para que o sintan como algo propio. As escavacións están totalmente abertas e calquera pode achegarse a miralas, entre eles os veciños que van por alí para dedicarse ó marisqueo.

Ademais das xa mencionadas exposicións no Centro Arqueolóxico do Barbanza, a idea do director da escavación é, unha vez que se remate de investigar, converter os castros de Neixón nunha especie de museo ó aire libre, no que a xente poida ver, tocar, e facerse unha idea de como era a vida na idade de Ferro a través de reconstrucións tridimensionais.

Ayán amósase satisfeito da relación que se estableceu entre os voluntarios e traballadores da escavación e os veciños da vila: "Cando o Concello mercou os terreos, desconfiaron, pero dende que chegamos nós, déronse de conta de que aquí tiñan algo importante e que merece a pena coidar".

Nos 60 e 70, cando había menos conciencia do patrimonio cultural, era corrente subir a coller pedras dos castros para a casa dun. Agora, os veciños de Cespón lémbranlles ós arqueólogos que os coiden e fachendean de que o seu xacemento é mellor que o de Baroña.

Un proxecto internacional
Os voluntarios non son os únicos estranxeiros que colaboran no estudo dos castros de Neixón. Por exemplo, o estudo da grande importancia comercial que tiñan estes asentamentos faise na Universidade de Stanford, en California (EEUU).
Ó estar situados moi preto do río Barbanza, os dous castros gozaban dunha excelente vía comercial para negociar con todos os pobos da península Ibérica, como os fenicios ou os cartaxineses.
As datacións mediante o sistema do carbono 14 dos restos que se extraen en Neixón realízanse na Universidade de Upsala, en Suecia, como parte dun acordo de colaboración. A importancia do xacemento de Boiro ten repercusións internacionais.
E, dende logo, tamén hai moitas universidades españolas implicadas neste proxecto. Os estudos de paleometalurxia, moi interesantes, debido ó gran número de pezas metálicas que se atoparon en Neixón lévanse a cabo na Coruña, e tamén existen acordos coa Universidade Complutense de Salamanca e coa de Santiago de Compostela.
Mención especial merecen os traballos de malacoloxía (estudo dos restos fósiles dos mariscos), que realizan expertos da Universidade de León. Nos antigos vertedoiros dos castros Grande e Pequeno apareceron abondosos moluscos, que formaban parte da dieta dos castrexos.

O ano que vén, máis prazas e máis tempo
Ante o éxito da iniciativa do campo de traballo, Neixón recibiu hai pouco a visita do vicepresidente da Xunta, Anxo Quintana, e do director xeral de Xuventude, Rubén Cela. Ambos os dous comprometéronse a ampliar a un mes o tempo no que se realiza o campamento para o ano que vén.
Actualmente e dende a súa orixe, o campo de traballo está activo do 15 de xullo ó 15 de agosto e os voluntarios chegan en dúas quendas de 25 persoas cada unha. Os mozos dun dos grupos teñen entre 18 e 24 anos, e os do outro, entre 25 e 30. Pero a partir de 2007, pasará a haber catro quendas, dúas para cada segmento de idade. As datas están aínda por determinar.
A experiencia de Neixón tampouco é allea á que a xunta de Galicia aumentase considerablemente a súa oferta de campos de traballo arqueolóxico. En 2003 só se ofertaban o proxecto de Xurxo Ayán e o de Manuel García, nas Cíes, que foi pioneiro en Galicia. En 2006, abríronse campamentos nos castros de Mallou (Carnota), no de Viladonga (Castro de Rei), no de Castromao (Celanova) ou no de Formigueiros (Sarria), entre outros.
Para estes novos campos de traballo, Neixón é unha referencia clara. De feito, os responsables dos traballos no castro de Viladonga acaban de visitar Boiro para tomar nota dos seus métodos.

Escribe tu comentario

Para escribir tus comentarios en las noticias, necesitas ser usuario registrado. Si no lo eres regístrate ahora

1000 Caracteres disponibles

www.elcorreogallego.es no se hace responsable de las opiniones de los lectores y eliminará los comentarios considerados ofensivos o que vulneren la legalidad.

Grupo Correo Gallego
Ante cualquier duda, problema o comentario
en las páginas de El Correo Gallego envíe un
e-mail a info@elcorreogallego.es. Titularidad
y política de privacidad
. Política de Cookies
Auditoría Audiencia Sites
Titulares RSS