El Correo Gallego

Portada » Tema del Día  |   RSS - Tema del Día RSS

PASOS CONTRA A "MARBELLIZACIÓN"

Caride: “Los concellos no quisieron adaptarse a la actual Lei do Solo”

Política Territorial resposta a unha batería de 24 preguntas realizadas por EL CORREO nas que se explica a filosofía das medidas urxentes de protección do litoral // O departamento de Caride asegura que só cinco concellos da costa contan con plans urbanísticos na súa última fase

REDACCIÓN • SANTIAGO   | 01.12.2006 
A- A+

Conchi Paz
A conselleira de Política Territorial, María José Caride, nos corredores de San Caetano
FOTO: Conchi Paz

O 1 de xaneiro de 2006 remataba o prazo para que os 315 concellos de Galicia adaptasen o seu planeamento urbanístico á lexislación vixente. Só dez conseguiron redactar o documento a tempo, ningún deles na costa. O novo límite de protección dos 500 metros nace, segundo a Consellería de Política Territorial, precisamente, "para incentivar" os concellos a cumprir a Lei do Solo do 2o02. A polémica norma levantou numerosas dúbidas entre os cidadáns e empresarios nun momento no que os escándalos de corrupción municipal acaparan a atención mediática. O departamento que dirixe María José Caride explica para EL CORREO as claves da nova medida coa que se pretende protexer medioambientalmente a costa galega.

- ¿Cantos plans xerais de ordenación urbana están na Consellería pendentes de aprobación definitiva neste momentos?

Nestes intres, na Consellería de Política Territorial están pendentes de aprobación definitiva 16 Plan Xerais de Ordenación Municipal (PXOM), dos cales 12 teñen suspendido o prazo por diferentes motivos; nalgúns casos por estar pendentes de informes sectoriais, de medio ambiente ou por estar pendentes de engadir documentación adicional. Por tanto, son catro os PXOM pendentes de aprobación para os que está correndo o prazo.

- ¿Cantos deles corresponden a municipios afectados pola disposición dos 500 metros?

Actualmente dos 83 municipios que constitúen a franxa litoral galega, na Consellería temos cinco plans xerais de ordenación municipal pendentes de orde para aprobación definitiva do seu planeamento, dos cales dous pertencen a municipios da provincia de Pontevedra e os tres restantes á provincia da Coruña. Destes, catro municipios por diferentes motivos teñen suspendido o prazo e estamos á espera de que acheguen a documentación solicitada.

- ¿Daráselles saída a todos antes de que se aprobe a lei?

O prazo para que a Consellería emita a orde de aprobación, dende que a documentación completa remitida polo Concello ten entrada na Consellería, é de tres meses conforme a lexislación urbanística vixente. Por tanto os prazos van depender en primeira instancia da remisión desta documentación, que será sometida a proceso de revisión.

- ¿En que período de tempo se estima que toda a franxa litoral contará xa con planeamento axeitado ó que a disposición dos 500 metros pretende?

A iniciativa de redactar un Plan Xeral ou revisar un xa existente correspóndelle a cada concello. Polo tanto, o tempo que tarden en adaptarse dependerá da súa vontade por adaptarse á normativa vixente.

- ¿En que medida a disposición anunciada afectará o actual proceso de tramitación dos plans pendentes de ratificación pola Consellería? ¿Paralízanse? ¿Seguen a súa tramitación tal e como estaba prevista?

A Lei de Medidas Urxentes nace co espírito de protexer e mellorar a nosa planificación urbanística e protexer uns recursos finitos, non renovables e de moi difícil recuperación se chegan a degradarse, e non como un instrumento de sanción ou castigo. Neste senso non vai supoñer impedimentos ou trabas ós plans xerais en trámite, sempre que estes se guíen pola lexislación vixente.

- ¿Cando se estima que se concluirá o actual proceso de revisión da planificación dos concellos de Galicia, derivada das disposicións legais en vigor?

A revisión das normas municipais é competencia de cada concello, polo tanto dependerá da súa vontade de adaptarse á lexislación vixente.

- O afastamento a 500 metros, ¿é aplicable a todo o litoral galego?

A futura Lei de Medidas Urxentes de Ordenación do Territorio e do Litoral de Galicia impide novos desenvolvementos urbanísticos na franxa de 500 metros contados dende a ribeira do mar para aqueles concellos que non adaptaron o seu planeamento á actual lei 9/2002 (coñecida como Lei do Solo). A prohibición de edificar aplicarase en todos os concellos costeiros para aqueles terreos que, dentro da franxa de 500 metros, estean clasificados no planeamento municipal como solo urbanizable, apto para urbanizar ou rústico apto para o desenvolvemento urbanístico. Ademais, a prohibición estenderase, no caso de concellos de menos de 50.000 habitantes, aos terreos situados na franxa dos 500 metros que estean clasificados como solo urbano e que non reúnan os requisitos de solo urbano consolidado que establece a Lei 9/2002.

- De forma sucinta, ¿por qué 500 metros e non 200 ou outra cifra intermedia?

A lexislación de costas e a Lei 9/2002 atribúeN competencias á Comunidade Autónoma sobre a ordenación urbanística na franxa dos 500 por entender o seu interese supramunicipal.

- Xa que moitos concellos non teñen aínda o seu planeamento definitivamente aprobado, a nova lei que saia do Parlamento dentro duns oito meses afectaralles de cheo. ¿Suporá o reinicio dos distintos proxectos de PXOM, perdendo de novo outros tres anos?

Non suporá reinicio de ningún proceso, xa que a futura Lei de Medidas Urxentes é precisamente unha medida cautelar de aplicación mentres os concellos non adapten os seus planeamentos á Lei 9/2002.

– ¿Pode contratar a Consellería asistencia técnica externa para axilizar a aprobación dos plans pendentes?

Unha das competencias da Dirección Xeral de Urbanismo é a análise e resolución de proxectos de plans xerais, algo que fai dentro dos prazos legais establecidos. A Dirección Xeral ten previsto incrementar o seu cadro de persoal para seguir atendendo todos os asuntos en materia urbanística.

– Co proxecto de Lei de Medidas Urxentes de Ordenación do Territorio e do Litoral, ¿pódese construír en parcelas preto da costa, que hoxe son urbanizables aínda que estean a menos de 200 metros? Se se permite, ¿non estaría botando isto terra sobre o proxecto de lei?

Só no caso de que conte con plan parcial ou de sectorización aprobado definitivamente e estea en prazo para proceder ao repartoimento equitativo de cargas e beneficios. E no suposto de que o plan non sinalara prazo, que non transcorreran tres anos dende a aprobación definitiva do plan parcial ou de sectorización.

– Un caso práctico: ¿Pode seguir adiante unha persoa coa compra dun terreo, a menos de 500 metros do litoral, que ten permiso municipal de construción, nun concello que non ten o plan aprobado, e onde se pretende edificar un chalé?

Cada un é dono de si mesmo e pode mercar o que considere oportuno. A posibilidade de edificación dependerá de se o terreo reúne os requisitos de solar, ou se se trata dun solo urbanizable con plan parcial aprobado definitivamente e conta coa aprobación definitiva do proxecto de equidistribución, ou non se esgotasen os prazos previstos no plan. En solo rústico non está permitida a edificación.

– ¿Non é un contrasentido que se acorde unha paralización de licenzas nos 500 metros da liña de praia e, polo contrario, se permita seguir construíndo en solo urbano con normas subsidiarias de 1994, antes das más recentes leis do solo? ¿Non se estará destruíndo polo lado urbano o que se quere preservar polo rural?

Non. O solo urbano é un solo transformado. A futura Lei de Medidas Urxentes permite construír en solo urbano consolidado (convén revisar a Lei 9/2002 para coñecer cales son as características específicas que determinan a clasificación de solo urbano consolidado).

– ¿Que criterio expansivo (a ser posible medido en porcentaxe) propón a Consellería para a recualificación de novo solo urbano dentro da filosofía que inspira a disposición dos cincocentos metros?

A recualificación de solo nas súas diferentes formas ten que entenderse como encamiñado a mellorar as condicións de vida da poboación e, por suposto, tratar de dar resposta a estas necesidades na mellor forma posible. Por tanto son moitísimas as variables que se manexan, dende crecemento da poboación, dispersión, situación dos núcleos, etc. Máis que unha porcentaxe, trátase de que a construción se entenda como resultado que acompañe ó crecemento e o favoreza, pero non como o motor deste crecemento.

– ¿Como se resolverá a imposibilidade manifesta de edificar en boa parte de litorais (dada a estreitez da franxa litoral) como os municipios de Oia, O Son, Baiona ou A Guarda, en caso de aplicar a disposición dos 500 metros?

A Lei de Medidas Urxentes é unha normativa cautelar de aplicación mentres cada concello non adapte o seu planeamento á Lei 9/2002 ou ata a aprobación do Plan de Ordenación do Litoral.

– Xa que se trata duna proposta que ten que ser debatida no Parlamento e sometida ós trámites regulamentarios, ¿canto tempo necesita para ser aprobada, unha vez sexa remitida á Cámara?

Calculamos que estea en vigor antes do remate do primeiro semestre de 2007, aínda que se procurará axilizar a súa tramitación dada a urxencia da Lei.

– ¿É verdade, como sinala o presidente da Fegamp, Xosé Crespo, que este nunca foi informado de que Política Territorial preparaba unha lei de medidas urxentes?

A intención de elaborar unha Lei de Medidas Urxentes xa foi anunciada publicamente hai tempo polo presidente da Xunta, Emilio Pérez Touriño, e, do mesmo xeito, nos múltiples encontros mantidos entre a CPTOPT e a FEGAMP se manifestou sempre a filosofía que ía recoller esta lei, aínda que sen que esta explicación fora detallada polo miúdo. Consideramos que, por transparencia e coherencia, o contido desta había que avanzalo (tal como se fixo) nun acto público para garantir que a información chegara ao mesmo tempo, sen favoritismos, á información pública en xeral.

– ¿Considera que o concepto de que se trata de medidas cautelares está sendo entendido?

Creo que a sociedade comparte plenamente a decisión, xa que todos somos conscientes da necesidade de protexer o litoral.

– ¿Contemplará a lei normas concretas no estilo da construción: utilización específica de determinados materiais, estética da edificación, alturas determinadas?

Non, o instrumento para determinar as características concretas en cada concello é o seu correspondente Plan Xeral.

– ¿Que pasará agora coas autorizacións de Demarcacións de Costas?

As autorizacións de Costas afectan a edificacións incluídas en zonas de servidume e, por tanto, seguirán tramitándose de acordo coa lexislación vixente en materia de Costas.

– ¿Contémplanse ‘normas á carta’ para determinados concellos do litoral pola súa especificidade?

O Plan Integrado do Litoral analizará polo miúdo todo o litoral e determinará as esixencias concretas para cada zona.

– ¿Non temen que con esta medida aumente a especulación nas zonas en construción e a especulación nos alugueres nos próximos anos?

Esta medida é cautelar e provisional, ata a entrada en vigor de plans adaptados á lei 9/2002 ou ata a aprobación do Plan de Ordenación do Litoral. En ambos casos estableceranse con precisión as regras do xogo.

– ¿É verdade que os concellos nos que os seus territorios non chegan a 500 metros máis alá da costa non van poder construír nada?

A Lei de Medidas Urxentes permite, dentro da franxa de 500 metros, construír no solo urbano consolidado.

– ¿Por que unha lei nova sen facer cumprir a vixente Lei do Solo, que contempla 200 metros?

Precisamente esta Lei é un mecanismo para incentivar os concellos a cumprir a Lei do Solo e, en consecuencia, a protección da franxa dos 200 metros que xa recollía a mencionada lei 9/2002 . A dita Lei establecía un período de tres anos para que os concellos adaptaran os seus planeamentos, pero a inmensa maioría (a totalidade dos costeiros, por exemplo) rebasado este prazo non o fixeron. As restricións de edificación na franxa dos cincocentos metros protexerán o litoral en tanto os concellos non adapten os seus planeamentos.

POLÉMICA

Reaccións de alcaldes e empresarios

O límite dos 500 metros foi acollido con reticencias tanto polos alcaldes como polos empresarios. Os primeiros aínda no valoraron a norma, pero queixáronse de non ser informados e de sentirse "os malos da película" nos temas de urbanismo. A patronal galega emitiu un comunicado no que se tachaba a norma de "inadmisible", pero tras un encontro coa Xunta recapacitaron e rebaixaron o ton das súas críticas .