El Correo Gallego

Noticia 1 de 1 Santiago | santiago@elcorreogallego.es  |   RSS - Santiago RSS

COMPOSTELA

O Entroido nos coles: xuízos a Trump, fábulas, xardíns en vivo e Star Wars

Aínda que o venres é o día grande, todos os centros empezaron xa a celebrar as festas cos mandatos do Meco

Alumnos do Colexio La Inmaculada de Santiago na elaboración dos disfraces de Entroido.  - FOTO: ECG
Ver galería
Alumnos do Colexio La Inmaculada de Santiago na elaboración dos disfraces de Entroido. - FOTO: ECG

ELVA OTERO. SANTIAGO  | 21.02.2017 
A- A+

É unha das festas máis esperadas do ano e, despois de longas semanas de preparativos, por fin está aquí. O Entroido xa levantou o pano e durante os vindeiros días encherá de cor os colexios e as rúas de Compostela. Case sempre no marco dun proxecto educativo, os centros veñen traballando nos últimos meses na recreación de fábulas, xardíns ao vivo, nos personaxes da saga Star Wars, na cultura europea ou, en lembranza a Rosalía de Castro, nos países de fala galega que hai espallados polo mundo. Para ir quecendo motores de cara á celebración do venres, desde este luns os nenos acuden ás aulas ataviados con algo festivo que lles indica o Meco, dona Almáciga ou a figura que capitanea o Entroido en cada caso.

O colexio Apóstolo Santiago renovou a súa figura do Entroido e sustituiu a vella dona Almáciga (dereita) por unha nova (esquerda).

1. CEIP APÓSTOLO SANTIAGO. Dona Almáciga é a encargada de poñer orde no colexio situado no barrio do mesmo nome. Segundo explican desde o centro educativo, a figura estaba moi deteriorada e este curso someteuse a un proceso de remodelación para enfrontarse con aires renovados ao xuízo do vindeiro venres. Será investigada como culpable da crise, a violencia, o triunfo de Trump e os problemas de espazo que sofre o centro. Son os feitos que lle imputan os alumnos de sexto de Primaria. No proceso haberá avogado defensor, fiscal, testemuñas e, por suposto, xuíz. Incluso se baralla constituír un xurado popular. En calquera caso, iso será despois do desfile temático no que a comunidade educativa -alumnos, mestres e familias- vén traballando desde semanas atrás. En homenaxe a Rosalía de Castro, os nenos caracterizaranse con vestimentas propias dos lugares nos que se falan linguas con raíces galego-portuguesas. Haberá parada entón en Angola, Guinea, Monazambique, Cabo Verde, Goa, Macau, Portugal, Brasil, Galicia e os lugares de España nos que se fala galego.

2. CEIP LÓPEZ FERREIRO. As fábulas son o fío conductor das festas no centro da rúa dos Xasmíns. Tomando como referencia a temática da biblioteca, cada curso engalanarase para representar unha fábula. Os máis pequenos irán de formigas, raposos e cans. Aos de 1º de Primaria tocoulles recrear o conto de Pedro e o lobo e aos de 2º, As Gaivotas e o Faro. O zorro e as uvas é o eixo do Entroido para os de teceiro e os de cuarto vestiranse de sereas e Neptunos. A Santa Compaña e os mitos modernos servirán de inspiración aos de quinto e sexto curso, respectivamente, para confeccionar os seus traxes. O Meco xa fixo das súas e, para que non esquezan quen manda nestas datas, púxolles unha tarefa aos nenos para cada día de semana. Para arrincar con forza, este luns tiveron que ir cun sombreiro na cabeza.

3. CEIP MONTE DOS POSTES. Inserido nun dos proxectos do curso, o xardín é o tema central do Entroido neste colexio. No desfile do venres haberá flores, xoaniñas, granxeiros, animais, abellas e espantallos. Ao igual que en anos anteriores, as familias tamén participan na celebración e son moitos os pais e nais que se animan a disfrazarse. Tamén colaboran aportando doces propios destas datas para repoñer forzas unha vez rematado o festival. Instalado na porta do centro, o Meco xa puxo as consignas e, de aquí ao final da semana, os nenos irán ás aulas con adornos florais, sombreiros de palla, botas de goma e gafas de sol.

A aviación foi o ano pasado o eixo conductor do Entroido no Rodríguez Xixirei

4. CEIP RODRÍGUEZ XIXIREI. Don Perillán é o que manda no colexio de Lavacolla. Pon aos nenos entre as cordas e obrígalles a ir cada día ao centro cun adorno diferente. Inspirándose na temática da biblioteca, o desfile do venres levará o nome de Europa. Despois de traballar arreo nas culturas de diferentes países, alumnos e mestres confeccionaron disfraces que lembran a Grecia, Portugal, Países Baixos… Unha vez rematado o festival, a Asociación de Nais e Pais (Anpa) sorteará unha cesta con produtos típicos. Como despedida, haberá unha merenda a base de postres tradicionais destas datas para todos os asistentes.

5. LA INMACULADA-LA SALLE. A película Star Wars protagoniza esta vez o Entroido no centro da rúa Concepción Arenal 11. É unha decisión do alumnado e enmárcase nun proxecto educativo do curso, explica a directora do colexio, Irma García Caínzos. As familias volcáronse especialmente co festival e, xa desde o mes de xaneiro, organizan quedadas para confeccionar os disfraces. Co asesoramento da Tropa Korriban, unha asociación galega integrada polos afeccionados á saga, avós e pais veñen reuníndose cada día para facer patróns, cortar e ganduxar os traxes. Nalgún caso incluso levaron as máquinas de coser para o centro. O gasto medio non supera os oito euros e varía segundo a idade do estudante. Empregan material de refugallo, bolsas de lixo e tamén teas. Como colofón, os 215 alumnos percorrerán o venres a distancia que separa o colexio da praza da Quintana. Xa de volta nas instalacións escolares, cada clase poñerá en escea unha coreografía. Unha chocolatada poñerá o punto e final.

6. CEIP RAÍÑA FABIOLA. O centro do Carme de Abaixo tamén se decantou por un dos contidos do curso académico: o mundo das árbores. Se o venres o tempo acompaña -as previsións de Meteogalicia son boas-, a partir das doce da mañá os nenos percorrerán o parque de Galeras con traxes que, no seu conxunto, recrean a un bosque. A continuación, a comunidade educativa gozará dunha degustación de produtos típicos.