El Correo Gallego

Noticia 1 de 1 Santiago | santiago@elcorreogallego.es  |   RSS - Santiago RSS

ASCENSIÓN 2017

Quen está detrás dos cabezudos?

Pertencen ao Concello de Santiago e a súa orixe remóntase ao século XIX // Todos eles varóns, os que lle dan vida hoxe integran unha asociación que se fundou décadas atrás para conservar esta tradición // “Pesan o seu e dan moita calor. Por se fora pouco, o ángulo de visión é mínimo porque só ves a través da boca”, confesa o que encarna a figura do alcalde

Anxo dálle vida ao cabezudo que representa ao alcalde desde hai case 40 anos - FOTO: Arquivo ECG
Ver galería
Anxo dálle vida ao cabezudo que representa ao alcalde desde hai case 40 anos - FOTO: Arquivo ECG

ELVA OTERO. SANTIAGO  | 22.05.2017 
A- A+

Chámase Anxo, está xubilado e desde a década dos 80 dá vida ao alcalde, un dos personaxes máis icónicos da comparsa de cabezudos. Acubilladas no teatro Principal desde o Apóstolo, as populares figuras de cartón volverán a saír á rúa o mércores 24 e o xoves 25 para quecer o ambiente nas festas da Ascensión. Anxo -que prefiere non dar máis datos para salvagardar o misterio do desfile- e os seus compañeiros comezaron a ensaiar semanas atrás. Todos eles son varóns e forman parte de Rancho de Cabezudos, unha asociación que naceu precisamente para manter esta tradición.

A de Santiago é unha das poucas comparsas de España que percorre as rúas danzando. “Facemos ata oito bailes diferentes e hai que poñerse ao día. Ademais cómpre revisar as pezas por se precisan algún retoque e botarlle unha man aos recén incorporados ao grupo”, conta Anxo elcorreogallego.es. A dos Fuelles é unha das coreografías máis coñecidas e non faltará no repertorio dos vindeiros días. Pero de cara aos fastos de xullo, si que haberá novidades. “Nunha ocasión unha monxa comentoume algo sobre un baile tradicional e, a partir de aí, puxémonos a facer un traballo de recollida. Imos intentar estrealo no Apóstolo”, avanza.

O de moverse polas rúas ateigadas de xente agochado no interior desas figuras de gran tamaño non é sinxelo. “Pesan o seu e dan moita calor. Ademais non é só dar un paseo, imos facendo coreografías e iso fainos suar moito, o cal resulta bastante incómodo. Por se fora pouco, o ángulo de visión é mínimo porque só ves a través da boca”, confesa. A pesares do sacrificio, Anxo non se perde unha festa desde hai case 40 anos.

SÓ NO APÓSTOLO

O costume de percorrer as rúas bailando remóntase ao século XIX. Daquela grupos de paisanos chegados das aldeas amenizaban as festas con danzas populares. No 1879 decídese institucionalizar a tradición e fúndase a comparsa de cabezudos. Propiedade do Concello, as figuras protagonizaban os actos oficiais do 24 e do 25 de xullo.

Como de darlle vida se ocupaban os nenos do hospicio de San Domingos de Bonaval –hoxe Museo do Pobo Galego-, accedían á Quintana desde a Vía Sacra. Cando soaban as badaladas das doce do mediodía, basílica e goberno local botaban o fogo rastreiro e os xigantes do Cabido saían pola Porta Real para reunirse na praza cos cabezudos. Despois de dar tres voltas xuntos, cadaquén seguía o seu particular roteiro.

Na compaña da Banda Municipal de Música (en anos posteriores da Banda de Arca e de varias  charangas), a comparsa do Concello ía cara o Obradoiro para saudar ao alcalde, despois ao Palacio Arcebispal para facer o mesmo co prelado e finalmente dirixíase a onde estivera o presidente da comisión de festas e os persoeiros destacados na sociedade da época. O habitual era que lle deran unha esmola.

OBRA DE KUKAS, LUCAS E MÉNDEZ

Da fabricación das figuras antigas pouco se sabe. Non hai documentación. Durante a Guerra Civil perdéuselle a pista e, na década dos 40, o Concello encargou pezas novas a un taller de Zaragoza. “Nos arquivos aínda se conserva aquel catálogo no que aparecen todas as que se mercaron. Duraron ata os 70”, lembra Anxo. Daquela pechou o hospicio de San Domingos de Bonaval e os cabezudos deron un novo xiro. “Entón estaba fóra de Santiago e, cando volvín, atopei algo totalmente diferente que nada tiña que ver co tradicional. Entre as caretas había un lobo, un explorador…”, explica.

CATRO PARELLAS

O de saír na Ascensión é un costume que se instaurou hai uns anos. Noutros tempos os cabezudos só desfilaban no Apóstolo e os seus bailes podíanse ver ata catro ou cinco días (hoxe reduciuse a dous). A comparsa foi perdendo integrantes e actualmente só bailan catro parellas: o alcalde e a alcaldesa; o correxidor e a Manola; os paxes; e ese dúo sen un nome concreto que conforman a figura do sombreiro napoleónico e a do plumeiro.

Os cabezudos actuaron desde sempre de forma altruista. “Na documentación antiga aparecen pagos á Banda, pero para nós non figura nada. Ata non hai moito o Concello convidávanos a unha comida, agora dannos unha cantidade totalmente simbólica”, xustifica Anxo. “En realidade, facémolo porque nos gusta, por manter a tradición”, conclúe.