El Correo Gallego

Noticia 1 de 1 Santiago | santiago@elcorreogallego.es  |   RSS - Santiago RSS

Guía básica para vivir a Ascensión máis picheleira

Compostela énchese a partir do mércores de pasarrúas, música para todos os públicos e competicións deportivas

A feira cabalar de Amio é unha das citas imprescindibles nas Festas da Ascensión
 - FOTO: R.Escuredo
A feira cabalar de Amio é unha das citas imprescindibles nas Festas da Ascensión - FOTO: R.Escuredo

E.OTERO. SANTIAGO   | 22.05.2017 
A- A+

A Feira Cabalar de Amio, facer o pasarrúas cos cabezudos, tomar o polbo á feira na carballeira de Santa Susana e subir á noria para contemplar Compostela desde o ceo. Poucas cousas máis se poden facer para vivir unha Ascensión máis picheleira. Aí van unhas cantas pistas para os que desexen espremer ao máximo a axenda festiva.

1. Mércores 24. Os cabezudos son os primeiros en saír á rúa. A véspera da Ascensión (12.30 horas) percorrerán o casco vello coas súas coreografías tradicionais para anunciar as festas. Pola noite, celebrarase na Quintana (21 horas) o espectáculo Los40 Trending On Stage. Presentado por Arturo Paniagua, contará coa actuación de Luis Brea y el miedo, Shinova e Miss Cafeína. A Orquestra Cinema tocará no paseo central da Alameda (23 horas) e Carla Green & The Demons, na praza do Toural (23 horas). Nos tres casos a entrada é gratuíta.

2. Xoves 25. Festivo local, o xoves é o día grande. Ás 11 horas arrinca no recinto de Amio o concurso cabalar da Ascensión. Namentres, nas rúas do casco vello, os cabezudos volven saír do Principal (12 horas) para lembrar a veciños e turistas que a cidade está de festa. A música volve converterse nunha das protagonistas da xornada. Haberá folk na rúa (18 a 21 horas), actuará a Banda Municipal (20 horas, Praterías) e, baixo o título Compostela Decide, no Toural estarán a partir das 18 horas Trópico de Grelos, Comidas do Mundo e Brinkadelia Troupe. A Quintana recibirá a Eladio y los seres queridos (22 horas) e de amenizar a verbena da Alameda ocuparase a Orquestra Metrópolis (22.30 horas). A entrada é sempre gratuíta.

3. Venres 26. Tamén no marco de Compostela Decide, o parque das Cancelas acolle As Cancelas Fest (17 horas). Na mesma xornada, a Real Filharmonía ofrece un concerto na praza da Quintana (20 horas). Costa Dorada será a protagonista da verbena na Alameda (22.30 horas) e Cachas & Cousins ocuparase de amenizar a praza do Toural (23 horas). Terá lugar ademais o tradicional Trofeo de Chave da Ascensión (20 horas, Alameda), que desta vez xa chega á súa duodécima edición.

4. Sábado 27. Ademais da terceira edición da Festa do Comercio no Ensanche, haberá oco para o deporte: V Proba da Liga Galega de O-Pé (10 horas, Pedroso) e o Campionato Galaico-Portugués sub-17 masculino de hockei a patíns (10 horas, pavillón municipal de Vite). En Amio (14 horas) celebrarase a XX Festa dos Maiores. As corais ocuparanse de encher de música as rúas da zona vella (17 horas) mentres os integrantes de Imperial Stormtroopers III poñerán o toque futurista aos fastos co seu desfile (17.30 horas). Na Quintana actuará Antonio Carmona (21 horas). Na verbena da Alameda estará a orquestra Los Españoles (22.30 horas) e no Toural, Roberto Sobrado Grupo (23 horas).

5. Domingo 28. As festas despídense cun concerto á carta da Banda Municipal de Música (12 horas, teatro Principal) e un concerto para xente miúda (17.30 horas, A Quintana) a cargo de María Fumaça, A Pequena e Grande Orquestra. Xa por último, Gergelyes actuará no Toural (20 horas). O acceso aos espectáculos é gratuíto.