El Correo Gallego

Noticia 1 de 1 Santiago | santiago@elcorreogallego.es  |   RSS - Santiago RSS

O folk galego enche as prazas de Compostela e un ambientazo 'rebenta' a cidade

Outra xornada excepcional con clima extraordinario, rúas 'petadas' e música a esgalla

Cantigas e Agarimos bailando na praza de Praterías - FOTO: ECG
Ver galería
Cantigas e Agarimos bailando na praza de Praterías - FOTO: ECG

SANTIAGO. REDACCIÓN WEB  | 26.05.2017 
A- A+

A do xoves, día grande das festas da Ascensión, foi outra xornada excepcional para Compostela, unha cidade a rebentar con riadas de persoas disfrutando do tempo, da gastronomía e da música. Pola tarde as agrupacións folclóricas santiaguesas enfeitizaron a un público numeroso e entusiasta que aparcou nas prazas do casco vello para gozar de algo con esencia de Galicia: baile e música vestidos cos traxes máis bonitos e enxebres. Moitos, moitísimos aplausos colleitaron Cantigas e Agarimos, Ultreia, Brincadeira e Colexiata do Sar, que gañaron o cariño e a participación cómplice das xentes de dentro e de fóra.

Desde as seis da tarde, as agrupacións foron cambiando de escenario, Obradoiro, Cervantes, Praterías, Santo Agostiño e Acibechería -cada cal máis espectacular- deslizando os aires da terra sobre unhas pedras amigas das gaitas que estes días están alumeadas polo sol.

Ás oito da tarde foi a banda municipal a que agasallou a un persoal goloso e agradecido. Nas Praterías e dirixida por Casiano Mouriño Maquieira, a banda regalou obras de A. Álvarez, Ambrosio Thomas, Pablo Sorozábal, Jacob de Haan, Ferrer Ferrán e Luis Brage nun gran concerto. No Toural, os tambores de 'Trópico de Grelos' atronaron o ceo aínda máis que a treboada que ameazou pero que sempre deixou facer. Vistosos traxes e percusión sonora e sorprendente, de alto impacto. Imposible non deixarse levar.

Desde o alto da noria de Alameda, as vistas impresionantes da cidade do Apóstolo pousábanse nos ollos da xente e informaban dun cheo absoluto na zona nun día festivo propicio para que as familias ao completo, cos nenos como protagonistas, peregrinaran ao mundo das atraccións de feira. Despois, Myles Sanko e Eladio y los seres queridos, na Quintana, déronlle entrada a outra noite de festa sen inicio e sen fin.