El Correo Gallego

Noticia 1 de 1 Santiago | santiago@elcorreogallego.es  |   RSS - Santiago RSS

PROFESOR DE XEOGRAFÍA HUMANA NA USC

Julio Hernández Borge: “As axudas puntuais para que nazan nenos non teñen repercusións duradeiras”

Defende unha política consensuada entre todas as forzas para favorecer a recuperación demográfica

Julio Hernández Borge, profesor de Xeografía Humana e coordinador da Cátedra Unesco sobre Migracións da USC - FOTO: ECG
Julio Hernández Borge, profesor de Xeografía Humana e coordinador da Cátedra Unesco sobre Migracións da USC - FOTO: ECG

ELVA OTERO. SANTIAGO  | 07.06.2017 
A- A+

Poucos nenos e moitos maiores. O drama demográfico baleira escolas e afoga o recambio xeracional. En Galicia, só o Eixo Atlántico -comarca de Compostela incluída- se libra da sangría. Os elevados prezos da vivenda en Santiago foron expulsando veciños cara a periferia. O resultado é que o índice de avellentamento na cidade do Apóstolo disparouse por enriba do 38% nos últimos 16 anos, mentres que os municipios da contorna (Ames, Teo, Oroso) foron medrando grazas a un mercado inmobilario capaz de conterse. Desde hai algún tempo tema de cabeceira do debate político, poñer freo a esta crise non é sinxelo. Nin cheques bebé, nin máis escolas infantís, nin medidas puntuais como regalos de benvida funcionan á hora de incentivar a natalidade. Falamos sobre este asunto con Julio Hernández Borge, profesor de Xeografía Humana e coordinador da Cátedra Unesco sobre Migracións da Universidade de Santiago.

Os políticos falan moito do drama demográfico, pero non parecen atopar unha solución. Cal sería, ao seu xuízo, o camiño a seguir?
As solucións son difíciles de atopar porque o problema é xeral no chamado mundo desenvolvido. Debería haber unha política consensuada entre todos os grupos políticos para favorecer a recuperación demográfica. Poderían tomar como referencia, adaptándoas á nosa realidade, medidas levadas a cabo noutros países europeos nos que a fecundidade se mantén próxima ao nivel de reemplazo dunha xeración por outra.

Son efectivas estratexias como repartir cheques bebé ou regalar cueiros?
As axudas puntuais non adoitan ter repercusións efectivas duradeiras.

A inmigración é clave para recuperar a natalidade?
É importante, pero non como solución definitiva. Por exemplo, en España o boom inmigratorio de principios do século XXI repercutiu elevando algo a natalidade, pero ao chegar a crise, a partir de 2008, empezou a suceder o contrario. Para que veñan inmigrantes ten que haber traballo. Ademais os estranxeiros que chegan, aínda que procedan de sociedades con natalidade máis alta, non terán tantos fillos como nos seus países de orixe: cambia a súa mentalidade e adoptan comportamentos da sociedade de recepción e moitos tropezan con dificultades que non propician a formación de familias numerosas.

Galicia presenta unha serie de particularidades territoriais (poboación dispersa, rural deserto, etc). Entendo que isto tamén ten o seu reflexio nas pirámides de poboación dos grandes núcleos urbanos…
Nas principais áreas urbanas é onde se atopa o meirande dinamismo demográfico e económico, algo que se reflicte en pirámides de poboación con perfís menos avellentados. De todos modos, na actualidade é nas periferias das principais cidades onde hai natalidade menos baixa e menores índices de avellentamento (caso de Ames, Teo, Oroso na contorna de Santiago; de Arteixo, Cambre, Culleredo e Oleiros, nos arredores da Coruña; de Narón, preto de Ferrol; de Redondela, Ponteareas, Salceda de Caselas e Val Miñor, na zona de Vigo; ou Barbadás, na de Ourense…).

O comportamento demográfico da capital galega non ten pois ningunha característica diferencial…
A comunidade é bastante diversa, pero a característica da meirande parte do territorio (sobre todo no interior) é o forte avellentamento da estrutura por idades e a despoboación. A área onde máis crece a poboación e onde o avellentamento é menos forte é o Eixo Atlántico (desde a fronteira con Portugal ata as Mariñas coruñesas, máis ou menos seguindo a AP-9). Santiago inclúese dentro deste eixo, pero os que realmente medran son os municipios da súa contorna. No conxunto de Galicia, Compostela ocupa unha posición central. Pontevedra é a menos avellentada e Ferrol sitúase no extremo contrario.

Cal é o perfil do compostelán?
Simplificando moito poderiamos dicir que é unha persoa adulta un pouco madura, xa que a metade da poboación ten menos de 45 anos e a outra metade ten máis.

Para acadar unhas taxas de natalidade que poñan fin á sangría demográfica, cantos fillos deberían ter os galegos na vindeira década?
Nunha poboación como a nosa, con alta esperanza de vida ao nacer, considérase que cada muller debería ter 2,1 fillos para que simplemente unha xeración substitúa á seguinte. Isto en Galicia non se acada desde principios dos anos 80 do século XX, estando na actualidade en torno a 1,1. Por este motivo, nunha década no se podería invertir a situación demográfica nin acadando ese promedio de 2,1, nin superándoo con creces.

Existe certa desafección cara o concepto de familia?
A familia segue a ser moi importante, pero na actualidade é diferente ao concepto tradicional. Nunha poboación cada vez máis urbanizada, cunha escala de valores distinta á das xeracións precedentes, mudaron as formas de convivencia.