El Correo Gallego

Noticia 1 de 1 Santiago | santiago@elcorreogallego.es  |   RSS - Santiago RSS

Como se chamaba a praza do Obradoiro a principios do século XX?

O novo Xeoportal do Concello de Santiago abre a porta a cartografías históricas da cidade desde 1783

Imaxe histórica dunha peregrinación pola praza do Hospital (hoxe coñecida como Obradoiro). No centro había un monumento en homenaxe a Montero Ríos
 - FOTO: Archivo ECG
Ver galería
Imaxe histórica dunha peregrinación pola praza do Hospital (hoxe coñecida como Obradoiro). No centro había un monumento en homenaxe a Montero Ríos - FOTO: Archivo ECG

ELVA OTERO. SANTIAGO   | 13.11.2017 
A- A+

O trazado medieval da Compostela histórica apenas mudou. Pero a nomenclatura das rúas foise adaptando aos tempos. Catro séculos atrás os veciños de Santiago non ían ao Obradoiro senón á praza do Hospital, o nome que recibiu inmediatamente despois da construción do Hospital Real dos peregrinos (hoxe Hostal dos Reis Católicos). A cousa non quedou aí. A finales do XIX bautizouse como Alfonso XII e despois, durante o franquismo, sería a praza de España. Coa chegada da democracia, na segunda metade dos pasados anos 70, fíxose oficial a súa denominación tradicional.

Con certas limitacións temporais, esta é unha das curiosidades que se pode ver no novo Xeoportal do Concello de Santiago, unha ferramenta que fai accesible a información xeográfica do municipio. Con máis de 300 documentos urbanísticos e todas as ortofotos realizadas desde 2001 a 2013, dispón dunha sección de cartografía histórica que permite descargar planos desde 1783 ata 1984.

Arquivo José Guitián/COAG/Edicións Xerais
Fotos antigas da praza da Quintana
FOTO: Arquivo José Guitián/COAG/Edicións Xerais

Ademais do Obradoiro, o percorrido polos arquivos antigos deixa outras sorpresas. A principios do século XX a Quintana tampouco figuraba no rueiro con este nome. Era a praza de Literarios, en memoria dos estudantes que combatiron contra Napoleón durante a guerra da independencia -tamén coñecidos como o Batallón Literario-. O seu aspecto pouco tiña que ver co que amosa hoxe e boa parte do seu perímetro estaba ornamentado con árbores.

Cando o pasado século botaba a andar, o Ensanche aínda quedaba lonxe. Segundo os arquivos de 1907 e 1908, máis alá de Carreira do Conde só había hortas. No que hoxe se coñece como Montero Ríos albíscase unha fábrica de gas e electricidade.

Á marxe dos documentos históricos, tamén se pode descargar cartografía relativa á localización da rede de transporte, das distintas redes de servizos, ou mesmo do mobiliario urbano. Hai unha función para facer un percorrido polos edificios de interese -históricos e contemporáneos- e un mapa escolar. Paulatinamente iranse engadindo os correspondentes aos parques públicos e aos edificios municipais.

Concello de Santiago
O Xeoportal permite a descarga de planos históricos como o de Compostela en 1796
FOTO: Concello de Santiago

OUTROS SERVIZOS

Estruturado en seis apartados, o Xeoportal conta cun visor web xeral, unha serie de visores destacados feitos á carta, unha ferramenta para a descarga de información, un apartado centrado no planeamento urbanístico, unha sección de ligazóns a outras infraestruturas de datos espaciais, e unha sección de Servizos OGC, máis dirixida a profesionais. 

No apartado de planeamento urbanístico, por exemplo, pódese acceder á plataforma de urbanismo en rede, a documentos históricos de planeamento e aos documentos en fase de tramitación. O visor brinda a posibilidade de facer comparativas entre ordenacións urbanísticas de diferentes anos, a través de planos superpostos con efectos de transparencia ou de cortinas.