El Correo Gallego

Portada » Hemeroteca Web

pan e coitelo

O valor dos debates cara a cara

XOSÉ MANUEL SARILLE ESCRITOR E PROFESOR   | 26.02.2008 
A- A+

Leo nun xornal varios dogmas que están vixentes entre os técnicos dos debates electorais. No desta noite pasada estaban pactados vinteún graos de temperatura, nin máis nin menos. Son trangalladas parecidas aos caprichos das estrelas do rock que os contratistas se preocupan de colmar. Outra esixencia, esta xa máis seria, é que as cámaras nunca poden enfocar ao que non está falando. A xesticulación anteponse aos argumentos, a calma obriga a abolir as paixóns e as doses de relaxación son fundamentais, mais quen vexa debates de hai quince anos, notará axiña que as maneiras que lles impuxeron os asesores naqueles momentos, son truculentas e envelleceron dun xeito incríbel, tanto que parecen froito de paranoias e nervios de campaña.

O debate na tele axuda a formarse unha opinión, pero a lectura e a charla seguen a ser medios superiores, porque a abstracción é o cerne da alta cultura, onde beberon sempre os que pretenderon dominar aos que se guían só pola imaxe.

Teñen máis miga os que falan só de economía, por exemplo, que estoutros tan circenses, onde cabe todo, desde as feras até a corda frouxa, e por suposto os pallasos. Eu gustei do que disputaron Solbes e Pizarro. Aprendín e tirei conclusións. A primeira é que Pizarro non sabe economía política, esa disciplina, tan complexa, resúltalle allea e por iso non está preparado para gobernar, aínda que sexa unha persoa perfectamente capacitada para dirixir con brillo unha grande empresa ou o seu bolso particular. A segunda conclusión, moi pedagóxica e talvez decisiva para a maioría dos espectadores, é que Pizarro sería capaz de privatizar as pensións e desvinculalas totalmente da protección pública, tal como fixeron no seu día os gobernos de Augusto Pinochet en Chile. Ese foi un dos principais argumentos de Pedro Solbes, o núcleo duro onde dobrou ao contrincante definitivamente. Por certo, ao ministro non lle foi necesario o artificio: cun ollo pechado, a cara afectada por unha parálise pasaxeira, o outro ollo mirando permanentemente para o atril, mais con moita precisión e rigor, iso si, merendouse ao popular. Ou sexa que menos pólvora de verbena.