El Correo Gallego

Galicia » Economía

Conselleiro de Innovación e Industria

Blanco: “Reganosa é vital para que o gas chegue a toda Galicia”

“Non esaxeramos nada: podemos chegar a ser líderes mundiais en enerxías renovables” // “Nos parques eólicos que sacaremos a concurso, puntuará moi, moi favorablemente a cesión do 10% á Xunta” // “Se o traslado de Ence non se liga a unha papeleira, o proxecto non terá sentido”

S. RIVEIRO • SANTIAGO  | 10.06.2007 
A- A+

ANTONIO HERNÁNDEZ
Fernando Blanco, no seu luminoso despacho de San Caetano, todo un exemplo de aforro enerxético"
FOTO: ANTONIO HERNÁNDEZ

Aínda non se cumpren dous anos desde que o cambio se impuxo no Goberno galego, e sen dúbida unha das consellerías que máis iniciativas, traballo e polémicas pode acreditar é a de Innovación e Industria. O seu titular, o nacionalista Fernando Blanco, lucense do 1959, ten en carteira desde o novo decreto que regula as enerxías renovables, a Lei do Comercio Interior de Galicia, a norma que regulará a minería ou a Lei de Horarios Comerciais. Entre moitas outras. Alicerce do frustrado asalto galego a Fenosa, cre firmemente que no sector eléctrico de hoxe en día "todo está en compravenda", aínda que, a prezos actuais, por agora desbota unha nova operación. "Aquel era o momento, pero por desgraza non acabou ben, aínda que, vendo a actual evolución, pois fomos os que iniciamos o proceso, e demostramos que iamos no bo camiño". En mente, varios obxectivos: que Galicia sexa líder no sector das enerxías renovables, unha potencia na I+D+i, un verxel do turismo de calidade, e un lugar onde pequeno comercio non sexa sinónimo de escravitude, senón de progreso. E todo isto, sempre, en clave de país.

_ Galicia é hoxe líder en produción de enerxías renovables. Corre o risco de perder esta posición?

_ En absoluto, o que pasa é que algúns entenden que deben protagonizar ese liderado, e nós cremos que debe ser compartido, sen cotos para determinadas empresas. Ten que haber un réxime de concorrencia competitiva, que é o que incluímos no novo decreto. O liderado de Galicia en enerxías renovables é indiscutible.

_ Na cuestión eólica, en que queda o tema da cesión, antes obrigatoria, dun 10% dos parques á Xunta?

_ Mantense, só que xa non é causa de exclusión no concurso para adxudicar un parque. Pero falamos dun réxime de concorrencia competitiva, e polo tanto puntúa moi, moi favorablemente.

_ O Estado reservou a competencia dos parques de máis de 50 megavatios de potencia. ¿Que ocorre?

_ O decreto establece que os de menos de 50 MW son competencia nosa, e os de máis, do Estado. Pero optar polos segundos implica unha prima distinta, un 20% inferior. Aseguraron que as primas estaban moi axustadas, e que eran vitais para a viabilidade dos proxectos. Entón, por que irían a unha opción onde a prima baixa un 20%? Non aceptamos esa picaresca, temos mecanismos para freala. Si gañan moito, quizais lle teñamos que dar unha volta a todo, se é que realmente non se necesitan primas tan grandes.

_ E o tema de que Red Eléctrica limitará a 3.800 MW o total de conexións eólicas ate 2011? Porque o seu plan é chegar a 6.500...

_ Sería absurdo limitar a capacidade de Galicia, onde hai unhas horas de vento que fan que a nosa enerxía eólica sexa moi eficiente. A maior capacidade de evacuación ten que estar onde se produce máis enerxía, e aquí acadamos as 3.000 horas . Por tanto, Red Eléctrica debe permitir que poidamos verter á rede os 6.500 MW que imos adxudicar.

_ Vostede sinalou que en 2012 Galicia pode situarse como líder mundial en renovables, non é esaxerar? _ Nin un ápice. Temos a gran e pequena hidráulica, biomasa, solar fotovoltaica e térmica, eólica, e maremotriz e ondamotriz nos lugares axeitados. Isto configura un mapa potente. Sen dúbida acadaremos que o 95% do consumo se cubra con renovables.

_ E a eólica mariña?

_ Non, non imos poñer muíños alí onde hai bancos marisqueiros, ou onde se pesca. E non iremos máis alá da plataforma continental. Na eólica xa apostamos, e non queremos máis contaminación paisaxística.

_ Para que vai servir a Plataforma Tecnolóxica da Enerxía?

_ Queremos ser, ademais de líderes en produción, tamén no ámbito industrial, desenvolvendo e implantando tecnoloxías en ámbitos como a eólica, a solar, a maremotriz ou a biomasa. E a Plataforma Tecnolóxica contribuirá a acadar este obxectivo.

_ E que pasa con Reganosa e o movemento na súa contra? Porque esta é unha planta enerxética vital, non si?

_ Precisamente Enagás acaba de anunciar a súa conexión con Zamora, que permitirá mallar case todo o territorio galego e poñer a disposición dos veciños de moitos concellos e das empresas gas, que é unha demanda importante. E iso vai ser posible, en parte, por Reganosa, onde é o momento de mirar para adiante e tratar de gasificar o conxunto de Galicia, e pasar de ser os últimos a ser os primeiros. Os informes que posuímos non falan de ningún impacto da regasificadora, afectan máis as aguas que se verten sen depurar por parte de concellos da zona, ou as obras no porto exterior. Reganosa é xa parte da estrutura gasística estratéxica do Estado, e agora mesmo, a planta está en probas, non está en funcionamento. Unha vez contrastemos que o plan de seguridade interior e outros requisitos se cumpren, daremos por pechado o asunto.

_ Escoitamos moi pouco do traslado de Ence, non é prioritario?

_ É un tema para tratar canto antes. Presentei no seu momento unha alternativa que cumpría todos os criterios precisos, pero foi rexeitada. Haberá que poñer outra enriba da mesa, que manteña a capacidade industrial e postos de traballo. A construción da planta debe ir parella ó desmantelamento da antiga, para que cando deixe de producir, comece a facelo a nova. Agora ben, o novo proxecto debe transcender a celulosa e pechar o ciclo da madeira, para fabricar papel de alto valor engadido. Se non é así, non tería sentido.

“A industria tira da economía porque hai confianza”

“Serrabal terá un final razoable”

_ Terá final feliz a cuestión da mina de Serrabal?

_ Terá un final razoable. Ás veces, o que fai feliz a un non fai tanto a outro. Razoable debe ser que se manteñan os postos de traballo e a actividade industrial, e, ó mesmo tempo que o AVE non sufra atrasos. Ese sería o final máis feliz de todos, e creo que é posible. Estamos traballando nesa liña con ADIF, cos traballadores e a empresa concesionaria. É posible cumprir todos estes obxectivos.

_ Cal é o segredo, por que a industria é hoxe motor económico?

_ Creo que está en que os empresarios, os industriais, teñen confianza no que se está a facer. Temos moi boa relación con eles, e procuramos crear o mellor marco, o mellor escenario, para que eles poidan desenvolver os seus proxectos, impulsalos e axudalos. Temos demostrado que damos a cara en todos os casos, cando nos felicitan e incluso tamén cando nola parten, se apoiamos algo, facémolo até o final. Estamos nun bo momento, as exportacións e o PIB medran, e isto debe continuar, pois é clave para construír un país. Un exemplo, no Parque Tecnolóxico de Galicia, en Ourense, hai 18 novas empresas, 500 postos de traballo creados. Alégrome pola parte que me toca, pero o mérito principal é dos empresarios.

_ Pena non dispoñer do Igape...

_ O Igape estaría ben en Industria, pero a colaboración con Economía é fluída, aínda que poidamos ter visións diferentes en certas cuestións.