El Correo Gallego

Portada » Hemeroteca Web

pan e coitelo

O exemplo dos estudantes en folga

XOSÉ MANUEL SARILLE  | 14.11.2006 
A- A+

A cohesión social ten moito que ver co cumprimento das normas. Un país que aproba leis e decretos por mecanismos democráticos e carece de disciplina para cumprilas, vive no atraso e ten serias dificultades para saír del.

Galiza está chea de exemplos que o confirman. A escasa conciencia do patrimonio público. O convencemento de que as normas se poden saltar. A intuición de que un plano urbanístico non impide a construción na leira dun, porque é propia. A seguridade de poder plantar eucaliptos até o infinito se o propietario posúe a extensión. A constatación de que o enchufe é o natural. A indiferenza ao botar a merda para a praia e sálvese quen poida. A comprobación de que o alcalde incivil fai a vista gorda e aínda colabora. O práctico e vulgar desprezo pola lingua galega.

O Parlamento Galego, representante da vontade popular, aprobou no seu día por unanimidade unha lei destinada a normalizar esa lingua. Para lograr o obxectivo, a lei debía desenvolverse con directrices e prácticas concretas, mais poucas veces se fixo. Unha desas ocasións foi hai doce anos, cando se aprobou un decreto para que varias materias de ensino se impartisen en galego. Hoxe aínda non se cumpre. Dirán vostedes que non hai conciencia. Eu coido que non é exactamente iso, que coa lingua pasa como co demais. Vivimos nunha sociedade pouco cívica, onde o primeiro en neglixencia pode ser o propio goberno.

A indiferenza por este idioma foi grande coa Xunta do Partido Popular, mais o bipartito condúcese do mesmo xeito, sen facer nada. Ou aínda peor. O acceso do BNG ao poder serviu para constatar que ningún partido, tampouco este, está disposto a cumprir co ordenado polos cidadáns, nin co seu compromiso electoral. Preferiron evitar o desafío, porque son débiles e indecisos.

Para que haxa avance é preciso que os contratos sociais se cumpran, no ensino, na sanidade, na ecoloxía ou no urbanismo. Os rapaces que foron á folga o día oito fixérono por unhas razóns moi sinxelas, porque teñen dereito a recibir o ensino en galego, porque se lles conculca ese dereito e talvez porque teñan máis conciencia cidadá que os maiores.