El Correo Gallego

Noticia 1 de 1 Santiago | santiago@elcorreogallego.es  |   RSS - Santiago RSS

Preto de 60.000 persoas participaron nas actividades das festas da Ascensión

O máis concorrido foi os de Los40, con Miss Cafeína, Shinova, Luis Brea y el Miedo, e Druso. Nesa noite, o 24 de maio, xuntáronse unhas 4.500 persoas

CDS  | 29.05.2017 
A- A+

O alcalde fixo hoxe balance das Festas da Ascensión, nas que participaron case 60.000 persoas. Martiño Noriega salientou a boa acollida da programación que "unida ao bo tempo que tivemos durante a última semana, fixo que Santiago presentara unha imaxe case máis propia das festas do Apóstolo".

O alcalde salientou a boa acollida que tiveron os concertos da praza da Quintana, pero tamén a gran novidade destas festas: o ciclo Compostela É! Música, que permitiu que grupos composteláns participaran na programación das festas da cidade.

Concertos da Quintana
Pola praza da Quintana pasaron nestas festas da Ascensión unhas 17.000 persoas. O máis concorrido foi os de Los40, con Miss Cafeína, Shinova, Luis Brea y el Miedo, e Druso. Nesa noite, o 24 de maio, xuntáronse unhas 4.500 persoas.

Tamén tiveron moito éxito os concertos de Eladio y los Seres Queridos e Myles Sanko, o día 25 de maio; e o de Antonio Carmona, o 27, aos que asistiron unhas 3.500 persoas a cada un.

A Real Filharmonía de Galicia e María Fumaça coa Pequena Grande Orquestra xuntaron cada un a unhas 2.500 persoas, e o espectáculo de Maduixa Teatre reuniu a un milleiro de persoas tamén na Quintana.

Compostela É! Música e orquestras na Alameda
O alcalde expresou a súa especial satisfacción pola boa acollida do ciclo Compostela É! Música, o escenario instalado na praza do Toural para que participaran artistas do censo de músicos de Compostela. Por el pasaron Carla Green & The Demons, Cachas & Cousins, Roberto Sobrado Grupo e Gergelyes. A cada un dos concertos asistiu unha media de 400 persoas, de xeito que "o Toural se converteu no mellor escaparate para a música feita en Compostela". Martiño Noriega incidiu en que "este modelo vaise consolidar, porque queda demostrada a potencialidade dos nosos artistas locais".

En canto ás orquestras da Alameda, xuntaron a preto de 8.000 persoas nos catro días das festas.

Outras actividades
Martiño Noriega sinalou que "as treboadas destes días respectaron os horarios das actividades de rúa, e iso axudou ao seu éxito". Así, foron máis de 4.000 persoas as que estiveron moi atentas aos bailes dos cabezudos os días 24 e 25, o folc na rúa xuntou a máis de 2.000, e as corais tiveron a máis de 1.500 espectadores.

Outro gran éxito foi a Feira Cabalar de Amio, pola que pasaron máis de 20.000 persoas no Xoves da Ascensión. Na Festa dos Maiores do sábado participaron unhas 1.500 persoas.

Ademais, as primeiras estimacións da Policía Local falan de que o desfile de Star Wars xuntou o sábado a unhas 4.000 persoas na praza do Obradoiro.