El Correo Gallego

Portada » Hemeroteca Web

pan e coitelo

Xulgados de Urbanismo

XOSÉ MANUEL SARILLE PROFESOR E ESCRITOR   | 30.10.2007 
A- A+

A lexislatura autonómica estase caracterizando pola incapacidade da Xunta de Galicia, e tamén das administracións locais, para soportar a presión que exercen os veciños e as grandes empresas da construción sobre o territorio. O problema é especialmente grave nos municipios onde a dereita ten a maioría, pero ningún partido libra e cómpre lembrar que o primeiro alcalde disposto a desobedecer as ordes de paralización ordenadas polo bipartito foi o de Foz, plantado por riba dos ideais partidarios.

O BNG ten menos conflito porque atende a menos parroquia. As cousas non pasan das intencións, para alén das barbaridades de Poio e dos negocios de Vigo, onde pretendían que non se respectase, que non se chegase ao corenta por cento de solo urbanizábel para vivenda protexida. Vaia esquerda. É verdade que en Monforte, tamén os do Bloque, elaboraron un PXOM, que despois suspendeu a consellaría de Política Territorial, con 41.000 vivendas novas, é dicir proxectaban fogares para máis de cen mil persoas nunha vila na que viven agora vinte mil. Linda esquerda tamén esta, e lindo compromiso con Galiza, facendo posíbel que todo o territorio sexa construíbel.

Na Xunta existen datos sobre o medre que se vai producir nos próximos anos na construción, mais nunca lle explican isto aos cidadáns. Saben que no litoral, e tamén no interior, o número de vivendas construídas en quince anos superará as oitocentas mil, o suficiente para duplicar a poboación galega, que non o fará, porque as casas terán funcións de segundas residencias. O programa do bipartito xira sobre cinco eixes, e un deles é o territorio. Están desbordados pola desobediencia e confusos.

O único esperanzador son as declaracións do fiscal xefe do Tribunal Superior, que propón a adaptación das leis e a creación de xulgados especializados en urbanismo. Efectivamente, faltan xuíces resolutivos e valentes, dispostos a derrubar edificios ilegais e a poñer á sombra, cando toque, a alcaldes e concelleiros corruptos, que os hai, vaia se os hai. E que non se diga que soa moi forte, porque máis forte soa meter para dentro un pobre demo que roubou un coche .