O IES Marco do Camballón combina empregabilidade e seguimento personalizado
O instituto de Vila de Cruces ofrece Soldadura e caldeiraría e Atención a persoas en situación de dependencia, dúas titulacións con demanda na contorna e prazas dispoñibles para o vindeiro curso

Aula do ciclo de Soldadura e Caldeiraría no IES Marco do Camballón, de Vila de Cruces. / Cedida
O IES Marco do Camballón, en Vila de Cruces, encara o próximo curso cunha oferta de Formación Profesional pequena, pero moi vinculada ás necesidades laborais da comarca. O centro imparte dous ciclos medios: Soldadura e caldeiraría, con 22 prazas, e Atención a persoas en situación de dependencia, con 25 prazas.
A vicedirectora do centro, Paula Martínez, destaca que se trata de dúas titulacións con elevada empregabilidade e tamén con posibilidades de continuidade formativa. “Son dous ciclos que teñen moi boa saída laboral e que tamén son interesantes como ponte a outros ciclos superiores”, resume.
Soldadura e caldeiraría
No caso de Soldadura e caldeiraría, a conexión co tecido produtivo da comarca é directa. Martínez explica que as empresas da zona contactan co centro para solicitar alumnado formado: "Na comarca do Deza hai moitas empresas que nos demandan traballadores”.
O ciclo conta ademais cunha traxectoria asentada e cunha boa consideración no ámbito laboral da contorna. Segundo apunta a vicedirectora, “os soldadores que saíron de aquí sempre teñen boa reputación”, o que reforza o papel do instituto como referente formativo na zona.
Atención a persoas en situación de dependencia
A outra titulación, Atención a persoas en situación de dependencia, ofrece tamén unha elevada empregabilidade, especialmente en residencias, centros asistenciais e servizos vinculados ao coidado de persoas maiores ou dependentes. O alumnado do centro ten traballado en instalacións da contorna, como residencias de Lalín, Padrón, Silleda ou Vila de Cruces.
Este ciclo funciona, ademais, como unha vía de acceso cara a estudos superiores. Martínez explica que boa parte do alumnado o escolle como ponte formativa para continuar despois nun ciclo superior, especialmente en ámbitos como Educación Infantil. “É o único ciclo medio dentro da familia de Servizos á Comunidade e iso convérteo nunha boa ponte para seguir estudando”, destaca.

Aula do ciclo de Atención a persoas en situación de dependencia / Cedida
Atención máis próxima
Un dos puntos fortes do Marco do Camballón é o seu tamaño. O centro conta con arredor de 200 estudantes entre ESO, Bacharelato e FP, o que lle permite ofrecer unha atención máis próxima. “É un centro pequeno, as aulas non están moi saturadas e iso permite dedicarlle moito máis tempo ao alumnado”, subliña Martínez.
Esa atención individualizada é unha das bazas que o instituto quere poñer en valor, especialmente nunha etapa na que non sempre se cobren todas as prazas dispoñibles. Para a vicedirectora, o feito de contar con grupos reducidos tamén ten vantaxes claras: máis acompañamento, maior seguimento e unha relación máis directa co profesorado.
O prazo para presentar a solicitude de admisión será do 15 ao 30 de xuño, mentres que a matrícula comezará a partir do 1 de xullo. O centro tamén adoita recibir alumnado en segunda convocatoria, procedente de estudantes que non conseguiron praza noutros centros de Santiago, Ourense ou Pontevedra.
Con boas instalacións, grupos reducidos e unha forte relación co mercado laboral da comarca, o IES Marco do Camballón quere reforzar a visibilidade dunha oferta que combina empregabilidade, continuidade académica e formación práctica nunha contorna próxima.
- Las nuevas rutas del aeropuerto de Santiago: todos los destinos a los que ya puedes volar sin escalas
- El pub de Santiago donde empezaron Tosar y Zahera gana un Solete Repsol: 'De aquí ha salido gente que ha llegado muy lejos
- O Gozo Festival vence al temporal de lluvia y granizo
- La respuesta de un barrio de Santiago al calor: 'Baixa a túa cadeira, algo de merendar e quedamos á fresca
- La tormenta descarga en Santiago granizo de más de un centímetro de grosor
- La cafetería de Santiago recomendada por Tamar Novas y 'Lonely Planet': un rincón bohemio con 83 años de historia
- La primera panadería ecológica de Santiago que empezó con un carro y un caballo: 'Nuestro pan es para gente que quiere cuidarse
- Llegan las fiestas más internacionales de Compostela: 10 días, en lugar de 15, en aras de la 'calidad