El Correo Gallego

Gente

Blogueiro e crítico de cine

Martin Pawley: “Aturo calquera peli por saber como acaba”

ENTREVISTOS POR ROBERTO G. MÉNDEZ  | 04.03.2007 
A- A+

-Agora que lle cumpre catro anos: ¿vostede por que ten un blog?
-Porque lía e comentaba nos blogs doutros, Una cuestión personal, Por la boca muere el pez, e vin que non era difícil crear o meu. Así que o fixen.

-Cambiaríalle a vida...
-Non tanto. Só empecei a contar na rede o que antes ficaba para min, e nin sequera por escrito. Dixen algunha vez que a miña obra anterior a Días estranhos collía no reverso dun selo de correos, e non esaxeraba nada.


-¿As bitácoras son queridos diarios, xornais á medida, megáfonos con clase, ou que?
-Todo iso, e máis. Utilísimas ferramentas de comunicación entre xente afín, por exemplo. Ou creadoras de informacións que non atopan oco nos medios convencionais. Para enterarse de quen gañou o Oscar vale calquera xornal, pero para saber de cinema tailandés é máis práctico ir á web Tren de sombras.

-Así ando eu de perdido en cine tailandés, claro. ¿En quen pensa cando escribe, exactamente?

-Primeiro en min: o blog é o meu particular arquivo á vista de todos. Despois, nos que me len. Unhas veces para que alguén conteste, e outras para comentar cuestións que me interesa que cheguen ata o público. Ata o público en xeral, e ata Google en particular.

-Xa. ¿E son imaxinacións miñas, ou un blogueiro en condicións ten que ter unha opinión sobre todo?
-Sobre todo, non creo. Eu non teño opinión sobre ningunha das mil cousas que non me interesan. Logo hai temas, como os incendios ou a especulación inmobiliaria, nos que é imposible escribir sen que apareza por algures o nesgo ideolóxico. E finalmente hai asuntos que nin sequera entendo, como a urxencia por reformar o Estatuto galego.

-Por iso escribe cada vez máis de cine, e literatura, e tal...
-Por iso escribo cada vez menos de actualidade política, que está chea de perrenchas teledirixidas e con data de caducidade.

-Imos ao cine, logo: lin por aí que non se pode falar mal de John Ford na súa presenza. ¿Alguén de quen non se poida falar ben?
-Ninguén, pero se me di que lle gustou Babel, xa estamos empezando regular.

-Non, se por iso eu falo pouco...
-É broma. Coñezo xente lúcida á que lle gusta esa película, como José Luis Losa (crítico de cine deste xornal). O que non sei é porqué.

-A Losa hai que deixalo.
-Si, ¿non?

-Non. Tamén é broma. A ver se aínda vou cobrar... ¿Ocórreselle algunha crítica mellor para unha peli que esquecer por ela dúas horas de incómoda butaca?
-Dúas horas, ou as case tres das abraiantes Juventude em marcha, de Pedro Costa, e Inland Empire, de David Lynch. Esas películas hai que velas, aínda que sexa de pé. Se ademais a butaca é cómoda, iso xa é o paraíso.

-Pois viceversa, entón: ¿coñece algu.nha butaca o bastante cómoda como para aturar nela dúas horas de espantosa peli?
-Poucas veces marchei eu dun cine. E sempre no Festival de Donostia: alí a axenda é apertada dabondo como para ter sempre outra sala á que ir.

-Home, así calquera.
-¿E que quere? Un ten curiosidade por saber como acaban ata os bodrios.

-¿Daquela gústalle o ‘baremo butaca’, ou é vostede un crítico máis cerebral?
-É que non sei onde acaba o cerebral e empeza o emocional, nin ao revés. O primeiro impulso é sempre o de gustoume, ou non me gustou. Logo podes formalizar, racionalizar ou xustificar iso...

-Pero non cambialo...
-Moi difícil. En calquera caso, ese primeiro impulso, por si só, tampouco chega.-Dígame que non ten razón meu pai cando di que xa non se fan filmes como as de antes...

-Non ten, non.

-¡Por fin! Voulle dar o número...

-Esa teima é típica da xente que vai pouco ao cine. Ano tras ano temos películas extraordinarias que dentro de cincuenta anos van verse co mesmo respecto reverencial que hoxe sentimos por Ordet, de Dreyer.

-Non sería ‘Ordet’ o primeiro filme que viu...

-Non, pero tampouco estou moi seguro de cal foi, cousa que segundo Miguel Marías non é habitual entre os cinéfilos. Brancaneves e os sete ananiños, creo, no desaparecido Cine Avenida da Coruña.

-A miña foi un enmascarado de prata. ¿Pódese empezar peor?

-Sempre. Coas pelis malas é o que pasa, que sempre hai unha peor. Aínda así, estas de serie Z sempre serán mellores que as que se fan con grandes pretensións e acaban sendo un horror.

-‘Alatriste’.

-Ah, que vostede xa me leu...

 

CENTAURO DO DESERTO

Autor do lidísimo blog ‘días estra-nhos’, Premio 20Minutos 2006 á mellor bitácora escrita noutra lingua constitucional distinta do castelán (sic), este coruñés do 1974 con nome de personaxe de John Ford e paixón pola astronomía é, por exemplo, a voz da sección de cine do programa ‘Extrarradio’ da Radio Galega.