Martes 09.02.2010
|
Actualizado 19.10
Hemeroteca web
|
RSS
![]() |
| Manolo Caamaño, o martes pasado, na Gentalha do Pichel, en Santiago |
O organismo popular anti-represivo Ceivar ofreceu esta semana unha roda de prensa para anunciar a posta en marcha dunha intensa campaña para apoiar a Ugio e a Giana o máximo posible ante este proceso xudicial. Ceivar defende que Ugio e Giana non son terroristas, senón independentistas e esixe o cesamento do que eles tachan de "xuízos políticos". Tamén denuncian o suposto maltratamento que están a recibir estes reos nas cadeas e o feito de que os recluíran en cárceres lonxe de Galicia. Na roda de prensa, acompañando ós que están a defender o seu fillo, estivo este martes Manolo Caamaño. Ó remate da roda de prensa, a idea de conceder unha entrevista pareceulle boa. Quere deixar moi claro que el vai falar como pai. Non quere entrar en todo o proceso xudicial que se está a levar a cabo nin no que pasou realmente porque considera que a el o que lle corresponde é responder sobre Ugio como o seu fillo. Visiblemente nervioso e sensible por todo o que está a vivir, contesta con gratitude ás preguntas consciente de que canto máis apoio haxa desde fóra ós presos e canto máis se saiba da situación real, máis respectados serán estes dentro da cadea. "Diso estou convencido", insiste, mentres dá as grazas a todos os colectivos que os están apoiando.
Ceivar e outros grupos independentistas sempre se afanan en denunciar que os medios manipulamos a realidade sobre estes procedementos. Vostede, como individuo que vive en primeira persoa todo o que está a acontecer, ¿cre que realmente a prensa non é imparcial con este asunto?
Vaia, que valente! É esta unha pregunta que xa hai tempo que tiña ganas de que me fixeran. Tanto a miña muller como eu considerámonos completamente atropelados. Houbo medios que comezaron a quitar sentenzas ó día seguinte de Ugio ingresar na cadea. Vímonos totalmente agredidos e tanto é así que estivemos tentados moitas veces a ir ó xulgado e denuncialo porque iso non se pode facer. As persoas, antes de ser xulgadas, son inocentes, e só presuntos sobre o que se lles acusa. É terrible ter que aturar que os medios xa dean por feito que Ugio fixo isto e estoutro e lle poñen etiquetas sen que saíra aínda o xuízo.
¿A día de hoxe segue sen estar nada probado?
Efectivamente. Son xuízos completamente políticos porque esa é a intención que ten sempre o aparato do Estado, de facer unha represión sobre a mocidade para que non manifeste as súas ideas cando esta xente está en idade de facelo. ¿Que mal ten ser un pouco rebelde ou estar descontento con calquera norma, e sobre todo cando hai xente que ten alternativas? Polo menos, que se escoiten.A min gustaríame que, xa que ten aquí a oportunidade de falar, conte que foi realmente o que aconteceu. ¿Como foi a detención do seu fillo?
![]() |
| Joám Peres, responsable nacional de Ceivar, no medio, xunto ó pai de Ugio, na roda de prensa, esta semana |
Vostedes van velo ó cárcere case todas as semanas.
Si. Imos ao Porto de Santa María, a Cádiz.
¿Como o ven a el alí?
Nós fomos moitas veces no noso coche, pero normalmente agora estámolo facendo en avión e as viaxes son moi caras para unha familia obreira como nós que case non o pode soportar, pero soportas todo e algo máis porque imos ver o noso fillo, que é o mellor patrimonio que temos. ¿Como o vemos? El está moi forte moralmente e fisicamente. Sabe que o mellor que pode facer na vida é defender as persoas e a súa terra e niso está. O rapaz está con moita forza e moi ben mentalmente. Así espero velo sempre e espero velo así na casa, por suposto.
¿Que cre que pasará no xuízo a comezos de novembro?
Hai cousas que se cadra de antemán xa están cociñadas e feitas, pero a nosa obriga é a de seguir traballando. Eu creo que todo país ten que ter unha ferramenta útil como pode ser unha asoción ou un colectivo que vele polos dereitos das persoas cando as teñen secuestradas noutros países. Neste caso, nós o que temos que facer é fortalecer toda aquela xente que no aspecto humanitario e solidario quere apoiar isto, porque desa maneira, os presos serán máis respectados na cadea. Nós loitaremos para que Ugio e Giana veñan para aquí, para a nosa terra, xa que hai cinco ou seis instalacións penitenciarias cargadas de xentes doutros lados. É incrible, o sistema deseñouse para trastocar a mentalidade de cada quen, os galegos lévanos para alá e os doutros países traenos para a Galiza e as cadeas están totalmente masificadas. Non se pode falar de calidade de vida e asegúrocho que é así. Eu véxoo no meu fillo, que pasou xa por moitas cadeas e o trato incluso do funcionariado con nós é tremendo. Eu non o vou contar aquí, pero é tremendo.
Ceivar xa denunciou en varias ocasións anteriores que Ugio e Giana están a recibir incluso malos tratos nos cárceres.
Pois si, e a nós tamén, tanto no ton de voz que nos poñen os funcionarios como nos controis á hora de pasarte polo escáner, parece que están gozando a medida que te están espindo para que pases polo famoso arco. Eu penso que si que lles gusta facer así. O que di a Administración non é verdade. Aquí parece que o tratamento que se lles dá ós presos é como se estiveran en hoteis de cinco estrelas e non é así.
Dicía que canto máis apoio haxa fóra, máis respectados serán dentro da cadea. Ugio e Giana están a recibir apoios de moitos lugares...
Si, é normal. Nós agora mesmo recibimos centos e centos de apoios de homes e mulleres de distintas partes do Estado e iso dános unha grande axuda e fortaleza, fai de condensador de arrinque para que cada vez poidamos fortalecernos máis e seguir para adiante porque cremos que somos necesarios neste país.
¿Vostede é independentista?
A min gustaríame que Galiza rexira os seus propios destinos, iso si. O eslogan de Gobernemos nós a nosa terra non vai tan lonxe dentro das filas do BNG, por exemplo, que o berrou moitas veces en tempos pasados. Nós seguimos con iso, porque como pobo, temos as condicións, os potenciais económicos, a historia e a lingua necesarios para ser un pobo. Somos galegos e ¿por que non imos exercer como galegos?
Vostede como pai, ¿que pensou cando viu que o seu fillo era membro de AMI e de NÓS-UP?
Ben, é que á parte disto Ugio é moi intelixente.
Que vai dicir un pai, ¿non?
Si, pero demostrouno. Seguramente Ugio leu máis libros que boa parte de moitas persoas que están desempeñando postos de responsabilidade e manexando os nosos impostos.
¿Estaba a estudar el?
Si, rematou Económicas e agora quere empezar outra carreira. É un home que goza cos libros e coa xente. Pero, ¿que lle dixen eu ó meu fillo cando souben que era independentista? ¡Pois que lle vou dicir eu se estaba diante dun fillo que xa era maior de idade! Eu traballei toda a vida pola liberdade e sería unha contradición que eu comezase a reprimir o meu fillo, ¿que lle ía dicir?, iso non iría conmigo, eu amo este país tanto como el e, polo tanto, somos máis na casa, simplemente.
¿Por que o independentismo sempre se liga coa violencia?
Non o sei. ¿Ti estarías disposta a que na túa casa che organizasen a túa vida? Supoño que non, que non deixarías que ninguén de fóra che dixera como tes que cociñar, como vestir e como decorar a túa casa. Un país é o mesmo. Eu non estou disposto a que me gobernen o meu país, claro que non. Quen me dera que Galiza tivese todas as competencias para que o mar que é noso tivera un regulamento para todo o tráfico marítimo e non velo de cando en cando envelenado. Tampouco me gusta ver os nosos montes queimados porque o lume responde a outros intereses. Os que teñen ese tipo de interese son os que asocian o independentismo coa violencia. Pero, xa o dixen, o meu non é o tema político, non son militante de nada, loxicamente, xa teño unha idade, pero que amo o meu país e que me gustaría que encauzara os seus propios destintos e os seus propios recursos, iso si.
¿Para defender este tipo de ideas estaría xustificada a violencia?
Violencia tamén é a do aparato controlador do Estado. Depende de como se mire, porque violencia haina de moitos tipos e en moitos lados. Eu considero que conmigo empregan violencia en moitos aspectos. Na miña casa estou completamente seguro de que penetra xente por vía telefónica que eu non podo controlar. No meu teléfono escoita xente á que eu non podo contestarlle e iso parece ser que está lexislado. Para min iso é violencia tamén.
Ou sexa que durante todo este tempo vostedes sentíronse controlados...
Si, completamente, estou totalmente seguro. Pero alén diso, síntome controlado como ti ou como calquera pola rúa, con tanta cámara que hai. Estamos controlados día e noite e a conta dos teus impostos están pagando toda a cantidade de cámaras e de servizos similares que tampouco consultaron contigo para poñelos. Son estes papás que van de salvadores de nós. Pero, insisto, non me meto aí porque non milito en nada e porque teño unha idade que xa non mo permite tampouco. Teño claro que amarei este meu pobo sempre e polo pobo galego e loxicamente polo meu fillo, que é a quen máis quero, e pola miña familia e polos meus amigos, que é o mellor patrimonio que me fai mover, loitarei. A min non me move o diñeiro como move os que especulan coa nosa terra, as grandes urbanizadoras que acaban coa nosa masa forestal e que nos deixan todo o medio escarallado. Iso é unha agresión e iso si que é violencia. Por iso é que violencia..., non sei a que se lle chama violencia.
Moi persoal
Ugio Caamanho participou na creación, en 1996, en Santiago, da sección de Ensino Medio de Estudantes Independentistas (EI), e da comarcal de AMI (Asemblea da Mocidade Independentista). Desde a organización xuvenil, desenvolveu un papel central no impulso do Proceso Espiral, que desenvocou na constitución de NÓS-UP, sendo con apenas 19 anos responsable de Organización da Asembela popular da Comarca de Compostela. Impulsou tamén varios medios de comunicación alternativos, como galizalivre.org ou o periódico ‘Novas da Galiza’, así como tamén traballou nos primeiros pasos do Centro Social ‘A Fouce’, de Bertamiráns