O IES Rosalía de Castro reivindica a especialización para formar os perfís que demandan as empresas
O instituto compostelán concentra a súa oferta na Formación Profesional de Grao Superior e reivindica a conexión directa co mercado laboral

O alumnado dos ciclos formativos do IES Rosalía de Castro colabora nas actividades que organiza o centro. / Cedida
O IES Plurilingüe Rosalía de Castro, en Santiago, afronta o proceso de admisión para o próximo curso cunha proposta singular dentro da Formación Profesional galega. A diferenza doutros centros, a súa oferta está integrada exclusivamente por Ciclos Formativos de Grao Superior, unha especialización que lle permite centrarse na formación de perfís altamente cualificados e cada vez máis demandados polas empresas.
A coordinadora de ciclos, Esther Buide, destaca que a FP vive un momento de gran prestixio social e que moitos estudantes chegan ao centro atraídos polas posibilidades reais de inserción laboral. “A formación profesional xa non é unha segunda opción; cada vez máis alumnado a escolle como primeira alternativa porque ve que ten unha conexión directa co emprego”, explica.
O centro conta con catro titulacións repartidas en tres familias profesionais: Actividades Físicas e Deportivas, Hostalaría e Turismo e Servizos Socioculturais e á Comunidade.

Participantes no Galicia Skills 2025, o Campionato Galego de Formación Profesional / Cedida
Ensinanza e animación sociodeportiva
Segundo explica Esther Buide, o instituto ofrece o ciclo superior de Ensinanza e animación sociodeportiva; os de Axencias de viaxes e xestión de eventos e Guía, información e asistencia turística; e o de Animación sociocultural e turística, este último tanto en modalidade presencial como a distancia.
Cada ciclo conta con 30 prazas na modalidade ordinaria, mentres que Animación sociocultural e turística suma outras 50 prazas na modalidade a distancia. Precisamente aí quere poñer o centro unha parte importante do foco, porque é unha opción que, segundo Buide, “non todo o mundo sabe que existe aquí”.
O ciclo de Ensinanza e animación sociodeportiva é o que presenta maior demanda. “Sempre hai lista de espera”, sinala a coordinadora. As súas saídas profesionais están vinculadas a ximnasios, piscinas, clubs deportivos e entidades de fútbol, baloncesto, balonmán, hóckey ou outras disciplinas.

Exercicio práctico do alumnado de Ensinanza e animación sociodeportiva. / Cedida
Animación sociocultural e turística
No caso de Animación sociocultural e turística, o centro considera que hai marxe para dar a coñecer mellor unha titulación con percorrido nunha sociedade cada vez máis necesitada de profesionais para centros socioculturais, residencias, ludotecas, centros de atención á infancia ou recursos comunitarios. “Polo tipo de sociedade que temos e cara onde imos evolucionando, vai necesitar traballadores”, defende Buide.
A modalidade a distancia deste ciclo é unha das oportunidades menos coñecidas. Está pensada tamén para persoas adultas ou alumnado que xa traballa e quere compatibilizar a formación coa súa vida laboral. A asistencia ás titorías non é obrigatoria e a parte presencial limítase aos exames trimestrais, mentres que o seguimento se realiza a través da plataforma da Consellería ou mesmo por teléfono para resolver dúbidas.
Buide destaca ademais que o alumnado deste ciclo participa en actividades do propio centro, como Samaín, Entroido ou iniciativas vinculadas aos intercambios escolares. Esa práctica permite que os estudantes leven ao terreo real a organización de actividades, a dinamización de grupos e o traballo con diferentes perfís de persoas.

Clase práctica de Animación Sociocultural no IES Plurilingüe Rosalía de Castro. / Cedida
Axencias de viaxes e xestión de eventos
Outro dos ciclos nos que o Rosalía quere incidir é Axencias de viaxes e xestión de eventos, con saídas en axencias, empresas organizadoras de eventos e OPC, os organizadores profesionais de congresos. O alumnado colabora en actos do propio instituto, como o Premio San Clemente ou o Stephen Hawking, e tamén en iniciativas da Consellería de Educación.

Unha das actividades do alumnado dos ciclos formativos do IES Plurilingüe Rosalía de Castro. / Cedida
Guía, información e asistencia turística
O cuarto ciclo é Guía, información e asistencia turística, unha titulación especialmente ligada ao peso do turismo en Galicia. A coordinadora lembra que quen remata estes estudos pode solicitar a habilitación de guía de Galicia, requisito necesario para exercer como guía local. “Necesítanse moitísimos guías en Galicia”, subliña.
A relación coas empresas é outro dos puntos fortes da oferta. Segundo explica Buide, ao longo do curso o instituto recibe ofertas de traballo para os catro ciclos: desde ximnasios e clubs deportivos ata axencias de viaxes, ludotecas, residencias da terceira idade ou empresas que buscan guías turísticos.
O Rosalía de Castro quere así reforzar a visibilidade dunha oferta que combina formación superior, prácticas, contacto co tecido profesional e posibilidades reais de emprego. Unha proposta pensada para quen busca especializarse en sectores con actividade e demanda, pero tamén para quen precisa unha vía flexible, como a modalidade a distancia de Animación sociocultural e turística.
- Compostela perde un dos seus activistas culturais: morre aos 52 anos Gonzalo Suárez Castro, da Unitaria
- Muere a los 85 años de edad Hipólito Rodríguez Visos, fundador de la emblemática empresa Mármoles del Río
- Suspendido el mayor festival de música urbana de Santiago
- Las fiestas de a Nosa Señora da Mercé de Conxo vuelven con música, pulpo y un emotivo homenaje a Kiko Fernández
- Gonzalo Míguez, profesor de Física Atmosférica en la USC: 'Si cambia el clima, tendrá que cambiar nuestra forma de cultivar
- Luis Zahera y Tamar Novas protagonizan la próxima apuesta de Netflix y no es 'Clanes': una película con Santiago muy presente
- Christian Gálvez vuelve a Galicia: «Elegí Jacob para el ‘prota’ del libro que abre la saga como homenaje a Santiago»
- El pub de Santiago donde la gente se reúne para hablar de la muerte: 'Aquí nadie te juzga ni te mira raro