El Correo Gallego

Portada » Hemeroteca Web

pan e coitelo

Agradecemento e adulación

XOSÉ MANUEL SARILLE ESCRITOR E PROFESOR   | 12.12.2007 
A- A+

Estes días enviáronme da imprenta un novo libro que escribín o inverno pasado. Como cada vez que isto sucede, procede coller varios exemplares e regalarllos aos que leron a obra antes de editarse, a algúns amigos persoais e aos compañeiros dos medios de comunicación que poden ser sensíbeis ao que estea escrito na obra.

O galano pide moitas veces riscar unha dedicatoria, máis ou menos curta, formal, bromista ou emotiva, pero que salvo torpezas explicábeis, sempre transparenta o vínculo coa persoa á que se lle entrega. E sendo un escrito moi breve, esixe certo enxeño, que lle axude ás palabras a erguer o voo, aínda que só sexa un pouco. Dicíame un colega que a dedicatoria é un xénero literario como outro calquera. É esaxerado, pero certamente, non é máis fácil escribir unha boa dedicatoria que un epigrama, e ten a dificultade engadida de que hai que facela rapidamente, como moi deste tempo, con frecuencia imaxinando diante desa persoa que dalgún xeito te quere, ou que ti queres, porque senón non estariades un diante do outro, exceptuando obrigas pesadas e formalidades mentecaptas.

Nesta ocasión decidín que en troca de poñer lixeirezas de procedemento, nalgúns casos expresaría de verdade o meu sentimento pola persoa, a pesar de poder esvarar sen gañas cara a emotividade. Hai cousas que non se deben confesar moitas veces pero que algunha vez hai que dicilas; ou unha soa vez. Tamén creo que cando toca débese practicar o don de agradecer, e son moi consciente de que esa virtude fai fronteira co defecto da adulación, igual que a súa eiva nace da soberbia, ou da envexa.

O outro día entregueille a unha persoa a súa dedicatoria. Expresáballe que era a preferida entre as que cumpren funcións semellantes á dela e intuín que non o cría de todo. Mais era rigorosamente certo, debido á súa boa disposición comigo ao longo de decenios, e iso a pesar do moito que nos separa. E claro que unha cousa é ter a humildade de agradecer e outra adular. Onde está pois a delgada liña de escisión? Cando un é verdadeiramente libre, e traballa para selo, nunca lle vai polo pao a ninguén. Diso se trata, orgullosamente.