El Correo Gallego

Gente y comunicación | sociedad@elcorreogallego.es

loito

Adeus ao mestre do retrato

Finou Virxilio Viéitez, o fotógrafo que, cun personalísimo sentido da composición, logrou converter a memoria documental da Terra de Montes nun lenzo colectivo de vibrante humanidade // Será soterrado esta tarde en Soutelo

FRAN P. LORENZO • SANTIAGO   | 16.07.2008 
A- A+

‘Romaría de noite’, de 1961, un dos retratos colectivos de Virxilio Viéitez, un documento, como toda a súa obra, de vibrante humanidade

Durante os anos cincuenta e sesenta do século pasado, Virxilio Viéitez percorría, ao lombo da súa moto, as vilas, aldeas e lugares de Terra de Montes coa súa cámara-ollo na man. Aquel fillo do lugar -que na procura dun horizonte de prosperidade, no Pireneo aragonés ou na Costa Brava, batera co oficio de fotógrafo-, ignoraba entón que esas imaxes, realizadas con afán documental, pasarían a engrosar, co tempo, o arquivo dos grandes creadores fotográficos galegos, á beira de nomes como Ksado, Suárez, Caamaño ou Manuel Ferrol.

A noite pasada, aos setenta e oito anos, finaba en Soutelo de Montes, onde naceu en 1930, Virxilio Viéitez, o mestre galego do retrato. A descuberta da súa obra foi serodia, por mor dunha exposición organizada pola súa filla, Keta Viéitez, que en 1997 amosou o traballo de seu pai nunha mostra en Soutelo.

Viéitez asina un catálogo da súa obra ao lado de Henri Cartier-Bresson

Da man de Manuel Sendón e Xosé Luis Suárez Canal -que participaron activamente na difusión dese vasto legado, cifrado en máis de oitenta mil negativos-, aquela memoria fotográfica, construída por Viéitez ao fío dos eventos sociais e das instantáneas para documentos oficiais, revelou non só un importantísimo labor etnográfico senón a singularidade dunha ollada que soubo extraer a beleza e a emoción de instantáneas aparentemente anódinas ou desprovistas de relevancia artística.

Comparado con fotógrafos da talla de August Sander, Diane Arbus, Paul Strand ou Walker Evans, no traballo de Viéitez sorprende a escenificación, o xeito de situar os protagonistas, case sempre veciños da comarca para os que Virxilio actuaba como notario. Coa súa cámara levantaba acta das vodas, dos bautizos, dos velorios, en moitas ocasións sobre o fondo dunha saba branca... Xuntaba un grupo na eira e inmortalizaba o día da sega, o da matanza do porco, ou a primeira comuñón dun cativo. O galano en forma de arradio dun fillo emigrado á súa nai ou o coche Haiga dun retornado, aparcado á par dunha cuneta de terra. Fíxoo sempre cun personalísimo sentido da composición, no que filtrou, en moitas ocasións, as pegadas da natureza que circundaba os seus retratados. Así, unha cabra integrábase, con abraiante naturalidade, nun grupo humano; ou unhas plantas de interior saían ao carreiro, como límite estremeiro para o lenzo de tres señoras que posaban ergueitas sobre o pano de fondo dun bosque. Ese estrañamento que deitou Viéitez nas súas imaxes, admirado xa internacionalmente despois da súa exposición para a Axencia Vu de París, inscribiu o seu nome na listaxe de creadores que acharon no humano a substancia da súa arte. Virxilio Viétez será soterrado hoxe, ás cinco da tarde, en Soutelo de Montes.